El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Cinco grupos e sete empresas de Galicia asisten ao Popkomm de Berlín baixo o lema común "Music in the oven"

Un CD con 50 cancións amosará a colleita musical galega de 2007 en Alemaña

18-09-2007

Os grupos galegos Deluxe, Catpeople, Lamatumbá, Faltriqueira e Berrogüetto actuarán a partir de mañá e ata o venres en Berlín dentro da principal feira europea de música contemporánea, o Popkomm. Xunto ás bandas, sete empresas (Abada, La Fábrica de Chocolate, Berrogüetto Producións, Falcatruada, Kamikaze, Nordesía, Promocións Sen Fronteiras e Zouma) amosarán a produción musical galega, baixo a marca Galiciantunes e co lema común "Music in the oven" ('Música no forno'). Así o anunciaron en rolda de prensa en Santiago a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; Xabier Alonso, en nome das empresas galegas presentes na feira, e Xabier Campos, do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) que, xunto á Consellería, prestará apoio ás empresas ao longo da feira. Tras presentarse a principios deste ano na Feira Midem en Cannes (Francia) co lema 'Music in action', a música galega chega agora á capital xermana de novo coa marca Galiciantunes, "que está tendo bastante éxito na promoción exterior", pero cun novo lema, 'Music in the oven'. Repite así o concepto de dinamismo, pero ligado ao "agarimo e esforzo" do que se está a cocer na música galega, e xogando coa idea de que "estamos preñados de música", indicou Xabier Campos. Xunto a un libro sobre a historia de Galicia e da música galega e con recetas propias da gastronomía galega, distribuirase durante a feira un mandil e un CD cunha selección musical distinta á que se levou ao MIDEM, que inclúe 50 temas doutros tantos artistas galegos producidos na comunidade ao longo deste ano, de acordo coa proposta da Asociación Galega de Empresas Musicais. Amaro Ferreiro, Antonio Placer, Berrogüetto, Brath, Crema de Gaita, Cristina Pato, Deluxe, Elodio y los Seres Queridos, Galegoz, Lamatumbá, Leilía, Loretta Martin, Luar na Lubre, Marful, Narf, Nani García,Nordestinas, Quempallou, Rosa Cedrón, Sevigny, Sugar Mountain, The Homens, Uxía e Xabier Díaz son algúns dos autores reflectidos no material promocional. Para finais de outubro, está previsto que o sector asista tamén á feira WOMEX de Sevilla, de novo baixo o paraugas de Galiciantunes, pero cun lema que encaixe co espírito do evento, centrado na música de raíz. Dentro da feira, está prevista a actuación de Marful, o día 26 de outubro. Política Por primeira vez, o sector da música galega asistirá en conxunto á feira alemá. Ata o de agora, só acudían algunhas empresas que obtiñan resultados individuais, segundo explicou hoxe Xabier Alonso. Agora trátase de "facer un posicionamento necesario do sector" para que "os resultados individuais se incrementen", engadiu. Asimesmo, estréase unha política cultural dedicada á música, segundo salientou Ánxela Bugallo, orientada en dúas liñas principais: a da vertebración do sector e a da súa promoción exterior.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias