El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O CGAC inicia un seminario sobre os debates feministas na arte dos anos 70

24-09-2007

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago inicia este martes un seminario de tres días de duración baixo o título "A batalla dos xéneros. Discursos, representacións e debates sobre as normas de xénero, a sexualidade e o impacto do feminismo na arte dos 70", coincidindo coa exposición homónima comisariada por Juan Vicente Aliaga. Con este coloquio preténdese abranguer os asuntos relacionados con esferas relacionadas coas mobilizacións feministas. Participarán na primeira xornada as artistas Martha Rosler, Ulrike Rosenbach e Sanja Ivekovic, xunto á profesora arxentina María Laura Rosa, que abrirá mañá o seminario ás 17 horas cunha conferencia sobre arte e feminismo en Latinoamérica. Rosler, Rosenbach e Ivekovic participarán mañá nunha mesa redonda na que poñerán en común a súa experiencia e amosarán a diversidade de opcións artísticas e as distintas vías para achegarse ao feminismo. Rosler leva dende mediados dos anos 70 densenvolvendo un traballo que relaciona as prácticas contemporáneas coa teoría social. Dentro da exposición do CGAC pódense ver traballos como as fotomontaxes "Cleaning the Drapes" e "Pat Nixon", da serie "House Beautiful", así como o vídeo "Semiotics of the kitchen", no que con moito humor a artista vai nomeando os obxectos habituais dunha cociña denunciando o papel asignado para a muller. Con Martha Rosler, participan no seminario as artistas Ulrike Rosenbach (Alemaña, 1949) e Sanja Ivekovic (Croacia, 1949), tamén representadas a través do seu traballo na mostra "A batalla dos xéneros". Ulrike Rosenbach é a autora da peza que se pode ver no hall do CGAC titulada "Heracles-Hercules King Kong", e Sanja Ivekovic, quen ten cuestionado os conceptos artísticos e as políticas de xénero, asina dúas pezas da exposición, unha delas "Tragedija Jedne Venere", na que realiza un paralelismo entre a súa vida e a da actriz Marilyn Monroe. Actividade Carmen Navarrete, Assumpta Bassas, Amelia Jones, Empar Pineda e Raquel Osborne serán outras das participantes durante os demais días nos que se desenvolve o seminario. Durante tres intensos días poderase asistir a conferencias e mesas redondas nas que artistas, profesores e activistas interesados no material achegarán ao público de Santiago o seu punto de vista respecto das cuestións de xénero e a súa materialización na vida cotiá e no campo da arte. Ademais do seminario, entre mañá e o 7 de outubro proxectarase un ciclo de vídeo asociado á exposición "A batalla dos xéneros".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias