Sociedad
25-09-2007
A sede da Fundación Caixa Galicia en Lugo inaugura a exposición "De esguello" da fotógrafa norteamericana de orixe húngara Sylvia Plachy, dentro do festival PHotoGalicia2007, que trae á comunidade a obra de Man Ray. A mostra, que se poderá ver ata o 6 de xaneiro en Lugo, reúne preto de 100 imaxes que repasan o traballo en cor e branco e negro da artista, con obras nunca antes publicadas.
Plachy viaxou ata Lugo para inaugurar a súa prmeira exhibición en Galicia. Ao acto asisten tamén a comisaria da exposición, Mireia Sentís; o coordinador xeral de PHotoEspaña, Luis Posada, e a subdirectora de Programación da Fundación Caixa Galicia, Rosario Sarmiento.
Os organizadores da mostra aseguraron que se trata dunha oportunidade "única" para ver por primeira vez en España as fotografías de Plachy. O título de exposición responde ao modo da artista de realizar as fotos, ?cando ninguén o espera, como quen mira de esguello?.
A retrospectiva arranca con imaxes do libro 'Unguided Tour', que recolle as mellores fotografías de Plachy que encabezaron, entre 1982 e 1993, o índice do semanario neoiorquino The Village Voice. Estas secuencias anónimas, nas que non parece ocorrer nada especial, atraeron o interese de moitos lectores que descubrían nelas unha realidade pouco representada: a cotiá.
Séguenlle as series recollidas en 'Red Light' (Luz vermella) ?sobre a industria do sexo? e 'Self Portrait with Cows Going Home' (Autorretrato con vacas indo a casa), sobre a súa terra natal, que tivo que abandonar durante a revolución húngara.
Proxeccións
A programación de "PHotoGAlicia" para a cidade de Lugo contará tamén proxeccións, a través de dous programas, "Novas propostas" e "Nomes propios", que reúnen unha selección dos mellores traballos de fotógrafos nacionais e internacionais. "Novas propostas", que se proxectará o venres 9 de novembro na sede lucense da Fundación, realizará un breve percorrido polo traballo de novos creadores que empregan a linguaxe fotográfica nas súas máis variadas expresións e técnicas.
Dúas semanas despois chegará "Nomes propios" cunha selección do traballo de recoñecidos fotógrafos a nivel nacional e internacional. As fotografías de grandes nomes como Michael Ackerman, Anders Petersen, Olivier Pin Fat, Joan Fontcuberta ou Ramón Masats poderanse ver durante esta reunión fotográfica.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias