Sociedad
A institución celebra o 30 aniversario cun programa conmemorativo
18-10-2007
O 29 de outubro de 1977 resucitaba unha iniciativa do Seminario de Estudos Galegos frustrada pola ditadura de Francisco Franco, o Museo Etnográfico, instalado en 1932 no Colexio de Fonseca de Santiago para cumprir un vello desexo que partía do Rexurdimento. Trátase do Museo do Pobo Galego, ubicado agora no antigo convento de San Domingos de Bonaval, e que celebra nestas datas o seu 30 aniversario con distintos actos culturais.
A institución, xurdida da sociedade civil, afronta agora unha nova etapa na que se cuestiona o modelo para asegurar a súa continuidade, debido á falla de relevo xeracional. Así o puxeron de manifesto o director do Museo, Carlos García; o presidente do Padroado, Isaac Díaz Pardo, e a secretaria, María Xosé Fernández, na rolda de prensa celebrada en Santiago para presentar os actos conmemorativos do 30 aniversario.
Segundo Díaz Pardo, a institución segue vivindo grazas ao traballo "desinteresado" de persoas como o director e a secretaria do Museo, e d outros nomes como os de Xusto Beramendi e Luciano García Alén. "O problema é que todos eles morrerán, eu o primeiro, e o tempo vence as cousas", reflexionou o intelectual galeguista.
Para o impulsor de Sargadelos, o Museo do Pobo "debería pasar a unha institución pública" a través dunha fundación e incorporarse á rede de museos da Xunta de Galicia para asegurar a continuidade desta institución "tan valiosa".
O debate está aberto, e será abordado no seno do Padroado, onde existen diferentes opinións. Así o deixou patente o director do Museo, quen defendeu a independencia da institución para a súa "liberdade de expresión e programación".
"A sociedade civil ten que ter máis forza e presenza", alegou Carlos García, que lembrou que noutros países, a Administración só contribúe a unha parte do financiamento das institucións culturais. "Galicia non se caracteriza polo mecenado, pero a Administración non vai ter recursos para manter as institucións culturais da comunidade", opina.
A secretaria do Museo aclarou que non será unha medida que se adopte a curto prazo. "Mentres a fórmula actual siga funcionando, non se plantexa a fundación como algo perentorio", explicou.
Hoxe en día, están presentes no Padroado as principais institucións públicas (Parlamento e Xunta de Galicia, as deputacións, o Concello de Santiago, as tres universidades, e entidades como a Fundación Barrié, Caixa Galicia e Caixanova, a Real Academia Galega, o Seminario de Estudos Galegos, o Arquivo do Reino de Galicia, o Instituto Padre Sarmiento, e outros museos e colectivos.
Programación
Con motivo deste trinta aniversario, o Museo programa para o último trimestre do ano varios actos culturais conmemorativos. Entre eles, atópase a imposición dunha insignia de ouro o sábado día 27 a García Alén, vicepresidente do Padroado, e que ten aportado ao museo diversas doazóns, como unha colección de cerámica.
A actividade máis intensa centrarase en torno á data do aniversario, con actividades dirixidas ao público. Así, o domingo día 28 ás 21 horas, acollerá a representación do Romance de Xoán Tuorum, dirixido por Roberto Salgueiro. Ao día seguinte, terá lugar unha xornada de portas abertas. Xa para o martes día 30, está prevista a inauguración da exposición 'Barrio de San Pedro, porta do Camiño'. Nestas datas, presentaranse ademais as novas salas de prensa e imprenta e de oficios urbanos.
Dentro desta programación, atópase a II Mostra de Cinema Etnográfico, que se desenvolverá entre o martes e o venres da vindeira semana, coa proxección de 'Linguas cruzadas', 'Emiterio', 'A casa de Lola de Andrés', 'Praia de Monte Gordo', 'La aventura Garífuna', 'I want to be a pilot' e 'En tiempos del Patrimonio: Pinos y Penas'. Xa nos dos últimos meses do ano, celebrarase o Foro 'Inmigración, Cidadanía e Identidade'.
Proxectos de futuro
Entre os proxectos que o Museo abordará nun futuro inmediato, encóntrase a montaxe dunha sala dedicada ao medio natural, así como a continuación da restauración e rehabilitación do edificio, tal como anunciaron hoxe os responsables do MPG na rolda de prensa.
Por outra parte, a creación do Instituto de Estudos das Identidades pretende ampliar a vía da investigación e a intervención sociocultural nos diferentes ámbitos do Museo.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias