Sociedad
19-10-2007
Máis de 300 pezas, entre as que se encontran óleos, debuxos, esculturas, libros, efectos persoais e máis de 200 fotografías, ocupan ata o 6 de xaneiro todo o espazo expositivo da sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña. A exposición "Despreocupado, mais non indiferente" toma o título dunha das súas obras, que figura tamén na lápida da súa tumba no cemiterio parisiense de Montparnasse.
A directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, que presentou a exposición xunto co coordinador xeral de PHotoGalicia, Luís Posada, e o comisario da exposición, John Jacob, sinalou que se trata ?dunha mostra extraordinaria, tanto pola impresionante calidade das pezas, como pola súa extensión e profundidade temporal e estilística?.
"Despreocupado, mais non indiferente" é a primeira grande retrospectiva de Man Ray que se organiza en España, e se encadra na programación do festival PHotoGalicia2007, a iniciativa da Fundación Caixa Galicia e La Fábrica.
A mostra é un itinerario polas tres cidades nas que viviu Ray -París, Nova York e Los Ángeles- e que marcaron os seus diferentes períodos creativos, o que permite achegarse ao legado menos coñecido do artista e apreciar a evolución dos seus numerosos motivos, dende os bosquexos ata as obras rematadas. Así mesmo, a mostra desvelará os procesos creativos, tales como o emprego de material fotográfico como referencia para as súas pinturas e obra gráfica ou os obxectos e imaxes nos que se inspirou ao longo da súa carreira.
Ademais, a exposición é a primeira en exhibir unha selección de obras descoñecidas ata o de agora, como placas, fotografías, contactos coas marcas de corte, Polaroids en branco e negro, transparencias e ata unha obra en colaboración con Max Ernst.
"Despreocupado, mais non indiferente" presenta debuxos, fotografías, pinturas e escultura, así como obxectos persoais e imaxes procedentes da Fundación Man Ray, ubicada en Long Island, Nova York.
A pesar de que en determinadas ocasións se prestaron obxectos individualmente para exposicións importantes, nunca se presentara a colección da Fundación Man Ray en toda a súa dimensión. Dende a morte da súa última muller, Juliet Man Ray, a colección estivo almacenada nos sotos da rebotica do negocio de restauración de automóbiles da familia desta.
A pesar de que a Fundación catalogou e autentificou máis de dúas mil obras, a colección permaneceu fóra do alcance dos estudosos durante moito tempo. ?Despreocupado, mais non indiferente? é a primeira exposición que abre as portas dos sotos ao público.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias