Sociedad
O recinto compostelán acollerá a Noite dos Autores no mes de apertura
25-10-2007
A Sociedad General de Autores Editores (SGAE) abrirá na segunda quincena de xaneiro a súa sede noroeste, situada no Parque de Vista Alegre de Santiago. Así o confirmou hoxe o presidente executivo da entidade xestora, Eduardo Bautista, que vén de visitar as obras, xa na súa etapa final, coa dotación tecnolóxica do recinto.
Malia que o delegado do Noroeste da SGAE, Javier Vidal, calculara no mes de agosto que a actividade da nova sede se iniciaría na segunda quincena de outubro, finalmente a inauguración celebrarase a finais do primeiro mes de 2008. Sen embargo, isto non é percibido como un retraso no seo da xestora, xa que dende a colocación da primeira pedra do edificio, no mes de abril de 2006, ata xaneiro de 2008, terán transcorrido 21 meses, tres menos do prazo estimado. Tampouco se desenvolverá na capital galega o ciclo "SGAE en Corto" no mes de decembro, tal como anunciaran en setembro dende Madrid "por erro", aclaran dende a SGAE.
Por outra banda, o mesmo mes da apertura celebrarase na capital galega a V Noite dos Autores, un evento realizado o ano pasado en Sevilla, e que traerá a Galicia a 300 persoas do ámbito da cultura de todo o Estado e de Latinoamérica para render homenaxe aos creadores. Neste acto, entregaranse algúns dos galardóns máis importantes convocados pola SGAE para premiar os seus socios.
Instalacións
Na súa estadía en Santiago, Eduardo Bautista visitou as dependencias da Sede Noroeste, que inclúen un auditorio de case 200 butacas removibles, un plató, dous estudios de produción e dúas aulas de formación, ademais do espazo destinado á administración.
Construído cun orzamento duns 10 millóns de euros, o recinto acollerá gravacións, representacións, cursos, talleres e actos promocionais diversos. Segundo afirmou Bautista, ?os autores poderán presentar alí os seus traballos, proxectar obras audiovisuais ou participar en ciclos e seminarios", polo que se converterá nunha "factoría de ideas ao servizo do talento galego?.
O presidente executivo da SGAE anticipou que a Sede Noroeste é ?o primeiro movemento do proxecto ARTeria Multiespacios", unha rede de recintos que conectará Galicia con Madrid, Sevilla ou Bilbao pero tamén con México ou Bos Aires, para crear circuítos culturais de ida e volta.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias