El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Bendito: "O modelo de desenvolvemento actual non se sosterá moito máis"

O directivo de Tríodos Bank participou no debate "Banca para ricos, banca para pobres"

26-10-2007

"Banca para ricos, banca para pobres" foi o tema de debate en torno ao cal se deron cita en Santiago voceiros de distintas iniciativas de economía alternativa: Carlos Bendito (Director de Desenvolvemento de Negocios Tríodos Bank), Raúl Asegurado (Asociación polo Interese Solidario "O Peto"), e o Director da Obra Social Caixanova, Guillermo Brea. Carlos Bendito, director de Desenvolvemento de negocios de Tríodos Bank, explicou o funcionamento desta entidade, un banco que nace coa idea de "contribuír a un cambio positivo e sostible da sociedade". A entidade financia microcréditos e comercio xusto, nunha liña de actuación dentro da cooperación ao desenvolvemento. "Dá un servizo bancario como calquera outro banco pero o diñeiro ten unha trazabilidade que se destina ó investimento social". Bendito, fixo mención á existencia dun modelo de desenvolvemento mundial que non se soportará por moito tempo debido a que chegará un momento en que non haberá recursos. "Os efectos estanse a notar, e os valores teñen que entrar xa na toma de decisións". Carlos fixo alusión tamén á pirámide de Maslow, seguimos ancorados nos dous primeiros estadios, nunha estrutura igual de xerárquica que na Idade Media, pero a nivel global e menos desenvolvida". Respecto aos microcréditos apuntou a súa finalidade de impulsar o crecemento: "a nosa achega é inferior ao 20%, constitúe un investimento duns poucos anos, cando se logrou o despegue da comunidade retirámonos. Contribúese a saír da pobreza e ao mesmo tempo xérase unha plusvalía que se reinverte en novos proxectos". Considerando sempre que "toda a análise crediticia pasa primeiro por unha análise cualitativa que ten en conta os principios e valores fundacionais". Recalcou ademais a idoneidade deste instrumento financeiro, porque "se non se salgue da roda da doazón é difícil xerar crecemento económico" Necesaria vontade de cambio "¿Como imos cambiar o mundo se non somos capaces de cambiar os nosos hábitos?", foi a pregunta que puxo sobre a mesa o representante de Tríodos Bank. Raúl Asegurado afirmaba nese sentido que "o cambio do Terceiro Mundo non chegará ata que non mudemos os hábitos do Primeiro Mundo". Servindo como mostra a súa participación en proxectos alternativos (de economía ética neste caso), os participantes sinalaron o protagonismo do ser humano como crave para operar cambios na dirección de superar o problema da desigualdade. Combater a relación de separación entre ricos e pobres -que apuntou Raúl-, leva consigo unha "responsabilidade política e social a nivel de transformación do mundo". Trátase de "recuperar a nosa implicación na sociedade como cidadáns, de ver como podemos dar resposta á situación,", sinalou o integrante de AIS "O Peto". Para Carlos Bendito "as decisións que cambian o mundo son as que produce cada un" e indicou ademais a necesidade de adoptar unha actitude "posibilista e positivista": "mobilizar as túas capacidades e recursos na medida na que ti podes poñer en marcha o cambio" A riqueza como problema moral Nunha liña de compromiso Raúl Asegurado dirixiu a súa intervención a sinalar as relacións entre ricos e pobres, "termos sempre relativos", as "relacións de dominación: os que teñen capacidade económica e viven nun mundo no que o 70% da poboación pasa fame teñen un problema moral provocado pola riqueza". "O que posúe unha grande fortuna -dixo-, ademais de exercer poder sobre a poboación vulnerable (pobre), inflúe na participación na vida pública do resto dos cidadáns". Raúl trouxo a colación neste sentido a relativa independencia ideolóxica dos partidos políticos que teñen contraídas débedas con determinadas entidades financeiras (Esquerda Republicana con La Caixa ou o PSOE co BSCH). "Unha entidade financeira pode ter máis capacidade nese contexto que as administracións". Asegurado explicou como o liberalismo conseguiu despolitizar a cuestión da economía e logrou ignorar a cuestión de poder e dominio do Estado, que se desentendeu das relacións sociais. O aforro solidario Resaltou ademais na necesidade de "facer fronte á desorde provocada polo sistema financeiro", e resaltou iniciativas como o consumo responsable e o comercio xusto á que engadir a do aforro solidario que desenvolve a Asociación polo Interese Solidario (AIS) "O Peto". Así mesmo sinalou outra necesidade, a de "repensar o concepto de rendibilidade, que abranga unha rendibilidade social e non só monetaria. Pensar no noso aforro como un instrumento de transformación social, ao servizo dun mundo máis xusto e solidario". "Hai moitas persoas sensibilizadas, e algunhas delas estamos ademais comprometidas e traballamos en diferentes ámbitos para ese outro mundo posible. Preocúpanos que o noso diñeiro (integrado dentro do sistema capitalista) estea ao servizo duns valores e intereses opostos aos nosos: lucro ilimitado, especulación, degradación ambiental. Trátase por iso de rescatar o noso diñeiro, os nosos aforros ". Explicou que O Peto é unha asociación sen ánimo de lucro que pretende propoñer unha economía alternativa e solidaria, "onde se antepoña o valor da persoa por enriba do capital. Os obxectivos concrétanse "achegando financiamento ás persoas que teñen propostas viables de autoemprego, pero que non teñen acceso ao sistema financeiro ao carecer de aval". Contou que na actualidade están en marcha sete proxectos de autoemprego, e que "grazas ao valor da confianza, da responsabilidade moral, nesta iniciativa o 100% das persoas devolveu os empréstitos". Caixas de Aforro O director da Obra Social Caixanova Guillermo Brea encargouse de sinalar o labor e o funcionamento das Caixas de Aforros no contexto da loita contra as desigualdades. Explicou así os principios inspiradores da súa creación: "naceron para evitar a exclusión financeira das clases desfavorecidas, para impulsar o desenvolvemento económico e para realizar actividades de carácter social". Son entidades que "se"sustentan sobre dous piares: o social e o financeiro", e relatou que aínda que a forma máis notoria de realizar actividades sociais é a Obra Social, afirmou que "tamén a través do piar financeiro se cumpren os obxectivos fundacionais". "Dende o ano 2001 as Caixas de Aforro destinan máis de 1000 millóns de euros anuais, o que as converte en principal axente social, e nalgunhas áreas están xa por diante das administracións". Caixanova en particular destinou a obras sociais máis de 200 millóns de euros dende o ano 2000, indicou. Brea destacou tamén o modo de resposta ás novas necesidades que opera Caixanova a través do Centro de Atención ao Emigrante, de Naturnova (Centro de Educación Ambiental), de Centros Sociais e do Instituto de Desenvolvemento. É este último o que se encarga do desenvolvemento do tecido empresarial e do fomento do emprego a través de microcréditos, aos que denomino "instrumento financeiro básico" para o desenvolvemento social e económico e de loita contra a exclusión que orixina a pobreza", e das bolsas de iniciación profesional. Os microcréditos Caixanova teñen un límite de 36.000 euros "bastante elevado", un prazo de amortización de 7 anos e un ano de carencia. Brea puxo de manifesto no debate a necesidade de tecer redes de solidariedade e colaboración, "imprescindible para atender os desafíos da globalización", o papel da cidadanía "todos somos imprescindibles no combate contra a pobreza", e o da dimensión social dos axentes financeiros: é necesario "vontade e convencemento de que o paradigma da Eficiencia Solidaria consiste en que o desenvolvemento dos intereses xerais forma parte substancial nosos prácticas financeiras". Paula Cirujano, encargada de moderar o debate, foi quen nun principio introduciu o debate sobre a banca ética ou alternativa, que xurdiu a partir dos anos 70 e que ofrece servizos financeiros destinados a actividades con criterios e valores éticos sen que inflúa no seu obxectivo final de obtención de beneficio. Unha banca, sinalou, "que pode existir con criterios negativos, decidindo non inverter en actividades que entran en contradición con eses valores da clientela: produción de armas, destrución do medio, etc. E con criterios positivos: invertendo en actividades que si poñen en práctica e fomentan eses valores, como o comercio xusto. Neste tipo de banca fíxose eco dun instrumento financeiro en voga na loita contra a pobreza: a concesión de microcréditos, empréstitos que permitan levar a cabo proxectos a aquelas persoas que polas súas condicións económicas e sociais non poden acceder a créditos. Instrumentos que entidades como Caixanova e Tríodos Bank, e asociacións como "O Peto", están a desenvolver.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias