El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Cátedra Alexandre Bóveda contará cun Centro de Documentación e un premio de investigación

30-10-2007

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou a Cátedra Alexandre Bóveda no Pazo da Cultura de Pontevedra, co obxectivo de difundir a figura do galeguista a través dun Centro de Documentación, un premio de investigación e diversas actividades de promoción para dar un pulo ás ciencias sociais na comunidade. No acto, Bará estivo acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a delegada provincial, María Xesús López Escudeiro; o subdirector xeral de Caixanova, Antonio Gómez Rivera; o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Fernando Quintela, e o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area. Baixo a dirección do profesor da Universidade de Vigo, Álvaro Xosé López Mira, a Cátedra vaise desenvolver seguindo tres grandes liñas de actuación arredor da figura de Alexandre Bóveda. A primeira delas, ten relación coa creación dun Centro de Documentación que compilará os documentos que existen en distintos formatos, para permitir o seu acceso aos investigadores. A súa sede será no Pazo da Cultura de Pontevedra e estará coordinado por Uxío Breogán Diéguez. Tamén se creará un premio de investigación "Alexandre Bóveda", que terá unha dotación económica de 20.000 euros para o traballo premiado. Contará cun xurado de recoñecido prestixio e os traballos, en lingua galega, poderán versar sobre ciencias sociais, económicas ou xurídicas. Por outra banda, está prevista a celebración dunhas xornadas anuais dirixidas ao público en xeral. O primeiro encontro terá lugar no mes de decembro co relatorio impartido por un especialista na figura de Alexandre Bóveda, e no 2008 organizarase un congreso sobre o galeguista. Dende a Cátedra apoiarase o desenvolvemento de proxectos de investigación, de actividades como simposios, conferencias, seminarios ou cursos, colaborarase en proxectos culturais e favorecerase a mobilidade de estudantes e persoal docente. A Consellería de Cultura contribuirá a estas actividades e proxectos con 30.000 euros anuais, mentres que Caixanova colaborará con 20.000 euros, e o Concello de Pontevedra, con 10.000 euros.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias