Sociedad
31-10-2007
O Museo do Mar volverá abrir as súas portas a partir do 21 de decembro coa súa primeira exposición permanente, unha mostra que reunirá 400 pezas para percorrer a relación de Galiza co mar, un medio mariño que se poderá coñecer de primeira man a través dun grande acuario central. Así o anunciou mañá en Vigo a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, nunha rolda de prensa na que tamén deu conta das actividades que terán lugar ao longo do 2008 para que o centro museístico se consolide como un centro de referencia nesta nova xeira.
En rolda de prensa, Bugallo explicou que neste momento "está moi avanzada a exposición permanente" e dixo que os asistentes poderán ver "a relación da sociedade galega co mar a través do factor socioecónomico, a utilización que o noso pobo ven facendo dende semre dos recursos mariños".
A titular autonómica de Cultura acordou a comezos de xaneiro con Zona Franca facerse cargo do Museo do Mar de Galicia e desde entón estiveron realizándose traballos para que as instalacións puidesen albergar exposicións, en especial mellorouse o sistema de climatización. Tratáronse de obras complexas e que, coa instalación de paneis solares, permitirán que o centro sexa parcialmente autosuficiente xa que xenerará parte da enerxía que precisará para o seu funcionamento.
Diferentes formatos
A exposición inclúe infografías, textos, vídeos, material sonoro e, por suposto, pezas de referencia. Entre estas figura unha maqueta que reproduce, á metade da escala natural, as primeiras bateas, construídas empregando cascos de barcos; así como unha reprodución dos parques de ostras creados nas rías a finais do século XIX a imitación dos existentes en Francia e que son o primeiro exemplo de acuicultura extensiva en Galiza. As persoas visitantes tamén poderán ver xoias do nacemento do complexo mar-industria de Galiza tales como unha maquinaria de vapor dos anos 30 feita en Construcións Navais Freire. Parte da exposición será de acceso gratuíto e no resto das instalacións, a entrada terá vixencia por un día completo.
Para poder interpretar a relación de Galiza co mar e coñecer mellor como é e como funciona ese medio mariño, o Museo conta cun acuario de 130 millóns de litros e que se sitúa nun lugar central do complexo de forma que é facilmente visible. O acuario reproduce os tres principais ecosistemas das rías galegas: os ecosistemas propios das zonas afectadas polo tráfico portuario e polos sistemas de cultivos mariños e, por último, as zonas de cantís con fondos de area, como sucede nas Cíes. Para recrear estes contornos, o acuario contará con diversos tipos de algas, invertebrados (moluscos e crustáceos) e peixes, como por exemplo xurelos, de forma que poida haber pequenos bancos en movemento.
A partir do día 21 de decembro as persoas visitantes poderán coñecer o acuario e a exposición permanente de martes a xoves de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, os venres e sábado de 10 a 22.30 horas e os domingos de 10 a 21 horas.
Exposicións temporais para o 2008
Pero o Museo do Mar de Galicia tamén contará con máis exposicións e servizos ao longo do ano. Ánxela Bugallo anunciou que durante o mes de febreiro se inaugurará a exposición fotográfica Onde o mundo se chama Terranova, que retrata a vida a bordo dos barcos nunha das pescas máis importantes e tradicionais: a captura do bacallau nas augas de Canadá. Esta mostra, na que está a colaborar a embaixada de Canadá, viaxará logo por outras vilas galegas.
Cara finais do verán comezará a exposición Arte contemporánea e patrimonio. Nesta, unha serie de artistas actuais reflexiona sobre a importancia do patrimonio marítimo e permitirá ver cómo a arte actual se achega e recrea as tradicións e as formas de relación de Galiza co seu mar.
Por último, a finais do ano 2008 está previsto que finalice A memoria do mar, un traballo de recollida de material fotográfico en colaboración coa Federación de Confrarías. Desta forma, para entón estará confeccionada unha exposición cun material de alto valor etnográfico sobre o mundo da pesca e a vida a bordo dos barcos e nas vilas mariñeiras.
O Museo do Mar tamén está a traballar noutros proxectos sobre a eclosión do complexo mar-industria no século XX así como nos vínculos de Galiza con outros países marítimos de Europa. Estes proxectos poderían concretarse ao longo do ano.
Centro de Arqueoloxía Subacuática
Co potencial da súa exposición permanente e un programa de exposicións temporais, o Museo será un lugar de referencia para entender a historia e a actualidade de Galiza como pobo a través da súa relación co mar. A aposta da Consellaría de Cultura por este museo complétase coa creación do Centro de Arqueoloxía Subacuática, que fará do Museo do Mar de Galicia o referente en toda Galiza para a investigación e protección do patrimonio cultural mergullado.
Para iso, a consellería construirá un novo edificio anexo ás instalacións actuais do Museo, no que agora se denomina "finca Zulueta". Esta nova instalación contará con persoal e equipos técnicos especializados na realización de traballos de investigación de xacementos subacuáticos; así mesmo, tamén albergará restos de pecios extraídos da auga e que poderán ser visitados polo público.
Na actualidade, a consellería está a ultimar o proxecto do centro e espera poder comezar a construción nos vindeiros meses. De feito, xa se está a tramitar a solicitude de demolición do edificio que na actualidade ocupa o terreo. Mentres se levan a cabo os traballos, a Consellaría habilitará un espazo dentro do Museo para acoller de forma provisoria o Centro de Arqueoloxía e o seu persoal restaurador.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias