A Fundación Vía Galego vai reclamarlle formalmente ao Ministerio de Industria que se conceda a Galicia un novo múltiplex para permitir a recepción en formato dixital das televisións portuguesas na comunidade. Así o anunciou o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, nas Xornadas sobre Linguas e Usos celebradas hoxe na Reitoría da Universidade da Coruña. Ao tempo, indicou que se dirixirán ao Goberno galego para que negocie este asunto co Ministerio. A Fundación baseará a súa reclamación na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, un tratado internacional promovido polo Consello de Europa e asumido polo Estado en 2001. No artigo 11 deste documento sinálase que se debe garantir a recepción directa de emisións de radio e televisión "de países veciños nunha lingua usada en forma idéntica ou similar a unha lingua rexional ou minoritaria". Ademais, o Consello de Europa estableceu en 2005 que esta norma afectaba á recepción das radios e televisións portuguesas en Galicia. Por outra banda, Callón sinalou durante a súa intervención nestas xornadas que non se trata do único punto da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias incumprido no referente aos intercambios transfronteirizos entre Galicia e Portugal. Así, o Estado debe promover a sinatura dun protocolo de colaboración co país veciño para favorecer os intercambios culturais, educativos, informativos e de formación profesional e permanente entre Galicia e Portugal, que aínda non se concretou, pese a que o Consello de Europa "deu aviso ao Estado no 2005, e seguimos igualiño que daquela", denuncia.