O xurado do VI Premio de Poesía Caixanova decidiu outorgarlle o galardón a Carlos Penela Martín pola obra "Sombras, rosas, sombras". O certame, dotado con 12.000 euros, é un dos de maior dotación do panorama literario galego. O xurado, que estivo composto por Luís González Tosar, escritor e presidente do PEN Clube de Galicia; Marilar Aleixandre, gañadora do V Premio de Poesía Caixanova; Dolores Sánchez Palomino, profesora da Universidade da Coruña; Bieito Arias Freixedo, profesor da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Salgado Rodríguez, profesor na Universidade de Santiago, decidiu por unanimidade entregarlle o galardón ao texto presentado por Carlos Penela, de 32 anos e residente en Viena, pola súa ?solidez poética? tanto no aspecto formal coma no desenvolvemento dunha linguaxe innovadora e o mantemento dunha permanente tensión estética. Luís González Tosar, como portavoz do xurado, explicou que a obra resulta sorprendente xa que nos atopamos ante un autor novo que presenta un ?libro de madurez, de remate dun ciclo, e non de comezar unha andadura?. Preto de 80 aspirantes O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, destacou o "éxito" desta sexta edición do certame, tanto pola elevada participación, con 78 traballos presentados, como pola calidade destes, o que o consolida como un dos certames de referencia do panorama literario español. Os traballos, escritos en galego, debían presentar unha extensión mínima de 600 versos. Un traballo sobre a identidade "Sombras, rosas, sombras" é un volume estruturado en varias partes moi ben enlazadas, que fala da procura da identidade colectiva e individual, situando ao ser humano diante do espello para cuestionar esa identidade. Bieito Arias Freixedo, membro do xurado, salientou a tensión permanente entre o lume e a sombra. Ademais, indicou que a filosofía do libro pode resumirse na frase: ?na cinza sempre hai a esperanza doutro lume?. A obra gañadora será publicada na colección de poesía que edita Caixanova en colaboración co PEN Clube de Galicia, baixo o título xenérico de `Arte de Trobar´. Desta mesma colección presentouse tamén esta mañá o último volume, `Astro interior´, unha antoloxía poética de Miguel Anxo Fernán Vello, que inclúe unha escolma de poemas escritos polo autor entre 1984 e 2007.