Sociedad
19-12-2007
O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, presentaron en Santiago o libro "Os símbolos de Galicia", que contextualiza historicamente o nacemento do himno, a bandeira e o escudo.
Ao acto asistiu tamén a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, quen afirmou que a obra contribúe a "normalizar a creación de símbolos nacionais, orixinada fóra de Galicia". Froito da colaboración entre o Consello da Cultura e a RAG co gallo da conmemoración do centenario da estrea pública do himno galego, o libro resume anos de investigación arredor dos símbolos de Galicia a cargo de especialistas, tal como afirmou Villares.
Así, Eduardo Pardo de Guevara ocúpase da monografía sobre o escudo; Xosé Luis Axeitos e o propio Barreiro encárganse do estudo sobre a bandeira, e o himno é tratado por Manuel Ferreiro e Fernando López Acuña. O libro complétase cun traballo de Ramón Villares titulado 'Producir símbolos nacionais' e outro de Xosé Ramón Barreiro sobre o Panteón da Galeguidade.
Ramón Villares fixo fincapé no protagonismo do Rexionalismo na configuración dos símbolos, pero subliñou tamén o importante papel desempeñado polas colectividades da emigración. "Esa conxunción logrou, máis unha vez, dotar a Galicia das ferramentas simbólicas que acreditan non só a súa identidade, senón a súa modernidade?, dixo.
Para Xosé Ramón Barreiro o feito significativo é que os símbolos de Galicia foron creados cando o poder político galego estaba moi lonxe de ser unha realidade, ?pero resultou determinante o papel dos intelectuais, con Manuel Murguía á cabeza, e o pobo, a colectividade que lle servía de referencia?.
O Presidente da Real Academia Galega louvou tamén a función desta institución, depositaria dese legado e anunciou que en 2008 ?celebraremos como se merece o Ano de Manuel Curros Enríquez?. O acto rematou coa audición da primeira gravación coñecida do himno galego, rexistrada en Lugo o 19 de novembro de 1918 e interpretada polo coro Cantigas e aturuxos.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias