O coruñés Xoel López, máis coñecido como Deluxe, publicará o vindeiro 18 de marzo un novo disco, titulado "Reconstrucció". Acompañará o disco dun DVD do concerto en La Riviera do pasado mes de novembro, e dunha xira. Xusto un ano despois do lanzamento de "Fin de un viaje infinito", Deluxe atrévese cun novo proxecto que servirá como "colofón" ao seu anterior traballo, e do que se distribuirá só unha edición especial limitada de 5.000 unidades. Segundo afirman dende a discográfica, varios dos novos temas son simultáneos a "Fin de un viaje infinito", un disco concibido como dobre nun primeiro momento. Unha vez descartada esa idea inicial, Xoel comezou a distribuír de balde na súa web unha canción ao mes. Cinco delas están incluídas no novo álbum, xunto a nove cancións inéditas. A edición dixital do álbum terá un premio opcional, con 15 pistas exclusivas, con versións acústicas, maquetas, as tres cancións do mes non incluídas no CD oficial e catro temas en audio do directo de La Riviera. Como indica o título, "Reconstrucción" marca a fin dun ciclo. Baixo este nome, atópanse pezas breves como "Quemas", "puro folk lorquiano", ou "Días fríos", "con sabor americano". Dende que publicou o seu primeiro álbum en 2001, "Now what you had thought", Deluxe tense convertido nunha referencia do pop independente. Candidato ao Premio ao Mellor Álbum de Pop Alternativo nos Premios da Música, "Fin de un viaje infinito" foi o cuarto traballo de Xoel López, tras "If things were to go wrong" (2002) e "Los jóvenes mueren antes de tiempo" (2005), elixido pola revista Rolling Stone como o mellor disco español do ano.