A delegación do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) na Coruña acolle ata o 2 de maio a exposición 'Los Ángeles, 10 paradigmas', producida pola Fundación Caixa de Arquitectos, que recolle 60 anos de optimismo arquitectónico da cidade de Los Ángeles en dez obras. Trátase dunha orixinal proposta, comisariada polo arquitecto Juan Coll-Barreu, que xa viaxou por diversas cidades españolas e agora recala na Coruña coa vocación de confirmar a capacidade transformadora da arquitectura. Os encargados de presentar esta exposición este mércores 2 ás 20 horas serán o presidente do Colexio de Arquitectos da Coruña, Manuel de la Iglesia, e Covadonga Alonso, membro do padroado da Fundación Caixa de Arquitectos. A través de dez obras de arquitectura doméstica paradigmática, a mostra ensina dez modos de habitar, de entender a cidade e de cooperar na súa construcción, de configurar o espazo e de entender a función da arquitectura e mesmo a misión do arquitecto. As propostas son obras dos arquitectos Greene, Irving Gill, R.M. Schindler, R. Neutra, Gregory Ain, os Eames, A. Quincy Jones, Craig Ellwood, Albert Frey e John Lautner. Grazas á súa heteroxeneidade, estas construcións constitúen toda unha representación de pluralidade, desde as obras máis alonxadas do estilo internacional ata as interpretacións da modernidade máis difundidas pola historiografía moderna. A exposición, que demostra a vinculación activa co presente que ten a arquitectura do pasado século, preséntanse como a propia cidade de Los Ángeles, como un mosaico de fenómenos individuais conscientes da súa repercusión xeográfica, construída mediante a adición de paisaxes variopintas, en ocasións opostas ou incluso en loita contra o seu entorno físico e político.