Sociedad
08-04-2008
O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) vén de revelar que o ritmo de crecemento económico das compañías de teatro galegas no último ano supera o 16 por cento.
No caso do teatro de monicreques, o crecemento acada o 33 por cento no 2007, segundo os ingresos rexistrados polos grupos programados o ano pasado na Rede Galega de Teatros e Auditorios e na Rede Galega de Salas.
Segundo os mesmos datos, un total de 21 compañías facturaron máis de 100.000 euros no pasado exercicio, fronte ás oito que acadaron esa cifra en 2005. A Rede Galega de Teatros e Auditorios tende a aumentar o número de funcións por compañía e a facturación por función, polo que tamén se eleva os ingresos de cada compañía ao cabo do ano.
Así, entre setembro de 2007 e xuño de 2008, a media de funcións por compañía é de 7,5, fronte as menos de cinco funcións programadas no 2005, cunha facturación media por función de 2.919 euros (case 400 euros máis que no 2005) e cunha facturación media por compañía de 21.408 euros, fronte aos 12.660 euros de hai dous anos.
Entre 2005 e 2007, entrou a funcionar a Rede Galega de Salas e modificouse o regulamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que incrementou nun 2 por cento o número de espazos escénicos, nun 8 por cento a programación e nun 25% das dotacións económicas respecto a 2006.
A Rede Galega de Salas deulle acubillo a 38 compañías no 2007 e a 28 no primeiro trimestre deste ano, que ofreceron 144 funcións en 2007 e 29 no 2008. O orzamento foi de 69.200 euros o ano pasado e de 60.800 para o último trimestre. Cada compañía fixo unha media de 3,6 funcións, cun orzamento de 601,98 euros por función no 2008 (480,56 no 2007) e cuns ingresos de 1.821 euros por compañía o ano pasado e de 2.171,43 este ano.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias