O desequilibrio territorial entre o interior da comunidade galega e a súa franxa atlántica é unha evidencia latente, que lembra a necesidade de reforzar as vías de comunicación, os nexos de conexión. Máis aló da chegada da alta velocidade ferroviaria ou da rexeneración do tecido de estradas e autovías, algunhas iniciativas exploran alternativas para equiparar as comarcas máis ailladas de Galicia coas máis avanzadas en servizos cidadáns. É o caso dun proxecto piloto que está a permitir que os veciños dos concellos do Caurel teñan acceso á rede global que enlaza ao mundo nun click, internet. A implantación dun sistema de transmisión baseado na tecnoloxía Wimax acabou coa xa asumida falta de cobertura nunha zona da alta montaña lucense, na que escoitar a radio era un luxo reservado a uns poucos que, iso si, debían conformarse coa única emisora que, ás veces, se sintonizaba nos seus transmisores. O teléfono aínda é, en moitas parroquias remotas da serra, un recurso que só se pode usar na vila. A experiencia piloto promovida polas consellarías do Medio Rural, Innovación e Industria canalizou o sinal emitido desde o polígono do Ceao, na capital lucense, até o Caurel, coa axuda de antenas repetidoras e un investimento superior aos 350.000 euros e máis de dous anos de estudos e traballos. Samos e Folgoso do Caurel son os concellos pioneiros en estrear unha novidade que ten expectante aos veciños. O primeiro núcleo, paso obrigado para os pelegríns que se dirixen a Santiago pola rota francesa. E xa hai quen soubo procurar partido ás novas tecnoloxías. Licerio López, propietario dun establecemento de turismo rural, asegura que é un dos primeiros anos nos que puido facer previsións para a tempada de verán e de Semana Santa. Moitos clientes estranxeiros contactárono a través da Rede e fixeron a súa reserva, tamén, durante a súa estancia na hospedaxe, aproveitaron para consultar o correo electrónico e as novas dos xornais dos seus países de orixe. Xa son máis de setenta os veciños de Samos e catro parroquias colindantes os que dispoñen dun pequeño receptor un pouco máis grande ca unha caixa de mistos acoplado á cheminea ou calquera saínte do seu tellado. A instalación e a conexión, aínda cos seus picos de velocidade, será de balde, alomenos até o ano que vén no que pasará a establecerse unha tarifa plana de entre 20 e 25 euros mensuais. As previsións apuntan a que, unha vez completada a implantación de todas os receptores para garantir unha plena cobertura, serán 300 os usuarios neste concello. O reto? Os técnicos e enxeñeiros que traballan no proxecto pretenden chegar a corenta concelloa entre finais deste ano e principios de 2009. ?Comezamos por Samos e Folgoso do Caurel porque son os máis dificultosos dada a súa complexidade orográfica, unha vez completada a cobertura, continuaremos espallando o Wimax no Caurel?, asegura o xefe de Servizo de Estruturas e Infraestruturas Agrarias de Lugo, Vítor Álvarez. Amósase confiado de poder cumprir o obxectivo, unha vez superados os primeiros atrancos. No estanco libraría de Samos, a súa propietaria láiase da falta de espazo no seu local para dar acubillo aos clientes do improvisado ?ciber? que habilitou no establecemento. É o único da vila. ?Teñen que agardar á cola?, relata. Cando o goteo de pelegríns diminúe até case desaparecer, o ordenador ocúpao a filla da libreira, para facer os traballos da escola. ?Quero que ela teña as mesmas facilidades estudando aquí ca na Coruña, e hoxe internet é necesario para todo?, sinala. Plataforma de servizos O traballo de extensión da rede xera algúns altibaixos no sinal recibido, o que non parece molestar aos veciños, que agardan expectantes á posta en marcha dos novos servizos integrados na Plataforma Galizarural.net. Hoxe, esta web ?www.galizarural.net? xa concentra a oferta galega de radios on line, unha escolma dos principais xornais, o parte meteorolóxico e un primeiro achegamento aos recursos da Administración autonómica. Polo de agora, os contidos están por desenvolver e as primeiras achegas están orientadas aos labregos e gandeiros da comarca caurelá. Trátase de adiantar a información meteorolóxica, facilitar o acceso ás axudas agrarias e de uso de novas aplicacións, como o Sistema de Información Xeográfica de Información de Parcelas Agrícolas (Sixpac). ?Queda moito por facer?, recoñece Álvarez, que, non obstante, xa avanza o entusiasmo das consellerías de Sanidade e Educación por colaborar no proxecto. A presenza do Servizo Galego de Saúde cubriría un dos obxectivos iniciais do proxecto, xa que permitiría prestar asistencia e atención médica aos residentes nas parroquias máis ailladas, sobre todo, para a poboación maior con dificultades de mobilidade. O futuro desta plataforma inclúe palabras como ?telemedicina? ou ?telefarmacia?, servizos que no medio prazo tentarían ser un mecanismo para solventar urxencias menores e dúbidas cotiás, sen requirir desprazamentos. Tamén garantirían unha nova canle de comunicación nun contorno no que o envellecemento e o abandono de moitos núcleos é xa parte da nova realidade social, marcada polo despoboamento das parroquias. Do mesmo xeito, cando os trámites burocráticos prioritarios poidan resolverse a través da Rede e se avance no uso das posibilidades do DNI electrónico, cando a e-Administración deixe de ser unha entelequia para plasmarse na realidade, as eivas de residir nunha comarca de alta montaña serán as mesmas que as dunha vila da Costa da Morte ou das dun compostelano a efectos do papeleo. As xestións bancarias e as compras a través da rede, son xa unha posibilidade máis ao alcance dos caureláns. Tamén se abre unha nova fiestra á formación on line, que a Administración educativa non quere deixar escapar. As alternativas que xordan no medio prazo no eido virtual e que aínda están por desenvolver, alomenos, coa infraestrutura e as instalacións establecidas, estarán na man dos veciños dunha comarca condicionada polo seu aillamento e que deu lugar a que Medio Rural impulsara o seu Plan de Dinamización de Ancares-Caurel. Promoción turística e mellora da actividade agraria Os primeiros pasos, amais dos destinados a concluír a fase de instalación dos receptores que recollan o sinal das antenas e dispór de cobertura, daranse na procura de formar aos veciños no emprego das novas tecnoloxías. Moitos dos novos usuarios dos dous concellos, son persoas maiores e nenos. A prioridade é impartir cursiños nos que se poidan familiarizar no uso dun ordenador e no acceso a internet. Segundo apunta o xefe de servizos de Estruturas e Infraestruturas Agrarias de Lugo, Innovación e Industria xa distribuiu cinco equipos entre as asociacións socioculturais asentadas nos concellos e nas parroquias que xa teñen acceso á Rede e que será a mesma Consellería á que impulse as sesións formativas. Non obstante, hai usuarios que se desenvolven con pericia nestas lides, como poden ser moitos labregos e gandeiros que rexentan explotacións na comarca e levan a contabilidade con diversas aplicacións informáticas. Moitos dos solicitantes sitúanse no entorno de Samos e ou xa a teñen ou están a piques de incorporar a instalación que lles procurará acceso a internet.