Sociedad
Gaba a "xenerosidade" da UE con Galicia e di que ésta "corresponde"
18-04-2008
"Un futuro global". Baixo un título definido por el mesmo como "pouco arriscado", o eurodeputado socialista Antolín Sánchez Presedo pronunciou un relatorio no que puxo en evidencia que vivimos nunha sociedade cada vez máis marcada pola globalización tecnolóxica e economica. "O noso futuro depende do destino dos demais", subliñou e engadiu que, por este motivo, resulta "vital" enfocar os problemas do momento actual desde unha perspectiva e cun proxecto "global".
Ao acto, organizado polo Clube Internacional de Prensa na Facultade compostelana de Ciencias Políticas, non faltou o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, que trasladou ao público unhas breves liñas biográficas da traxectoria persoal e profesional do deputado europeo. Tamén se referiu a unha evolución política compartida por ambos e tamén á súa amizade. "Din que na política non se fan amigos, e aínda que eu non creo nesa frase, esta debe ser unha excepción", riu.
Ao longo do relatorio, Sánchez Presedo fixo un repaso pola historia do século XX e pola paulatina construcción da Unión Europea (UE) e amosouse convencido de que a súa evolución ofrece "razóns para a esperanza" dentro dun mundo "turbulento e complexo". Neste senso, aludiu ás dúas guerras mundiais que viviu Europa na centuria pasada, precisando que, a pesares delas, foi quen non só de "superarse" senón de "empezar un proxecto que ofreceu un curso distinto para a Historia".
Referiuse por suposto, ao longo proceso ata acadar a Europa dos 27, unha realidade doble a nivel global que actúa como "modelo" e tamén como "actor". Nesta realidade, Galicia adopta un papel privilexiado, según Presedo, xa que non se mantén allea e benefíciase da "xenerosidade" da Unión Europea, disfrutando dos seus fondos -que chegan a supor un 2% do PIB dos galegos, segundo explicou-, pero tamén corresponde e aporta resultados.
"Galicia multiplicou por cinco o seu PIB desde que entrou na UE, fai 22 anos", explicou e advertiu de que, nun futuro non moi lonxano, esta solidadridade tamén consistirá en aportar e para elo, debemos estar preparados.
Sánchez Presedo gabou tamén a "diversidade" da Unión Europea na que se ten en conta o autogoberno de Galicia e tamén o seu idioma, aínda que sinalou que non existe "ningunha lei histórica" que garantice de xeito permanente "o avance e o progreso". "Vimos dunha Galicia illada e atrasada", seguiu e puntualizou que "non podemos volver a iso" polo que, considerou básico, participar activamente dunha "estratexia global" conxunta.
No eido económico, o eurodeputado socialista centrouse na sostenibilidade. "A aceleración da globalización formula novas demandas de gobernanza", explicou e engadiu que as turbulencias financeiras, o encarecemento do petróleo, a alza de prezos dos alimentos ou o cambio climático son problemas interconectados que "só poderán resolverse mediante unha estratexia baseada na sostibilidade".
Currículo
Antolín Sánchez Presedo é licenciado en Dereito pola USC, Máster en Dereito pola Universidade Carlos III de Madrid, e foi profesor colaborador de MBA na Universidade da Coruña.
Foi membro do Comité Federal do PSOE e secretario xeral do PSdeG-PSOE. No 2003 foi candidato por este partido á Presidencia da Xunta de Galicia. Previamente, foi membro da primeira corporación democrática do concello de Betanzos, do que chegou a ser alcalde por maioría absoluta. Foi tamén deputado no Parlamento galego, voceiro deste Grupo na Cámara Autonómica, e no período do goberno tripartito, foi Conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas.
Dende 2004, é Deputado Europeo, membro titular da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios, membro suplente da Comisión de Asuntos Exteriores, Membro titular da Delegación de Relacións con Xapón, e Membro suplente da Delegación de Relacións cos Estados Unidos.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias