Sociedad
18-04-2008
A editorial galega Faktoría K convoca en colaboración co concello alacantino de Orihuela o I Premio de Poesía para Nenos 'Ciudad de Orihuela', un certame de ámbito internacional que conta cunha dotación de 7.000 euros. O prazo de presentación de traballos remata o 19 de setembro e o fallo do xurado coñecerase o día 30 de outubro, coincidindo co aniversario do poeta oriolano Miguel Hernández.
Ao certame poderán presentarse autores maiores de idade que presenten un libro inédito en castelán, non premiado en ningún outro concurso. A obra terá un mínimo de 300 versos e un máximo de 500, e presentarase baixo seudónimo por quintuplicado, mecanografada a dobre espazo e escrita por unha soa cara. Os datos persoais adxuntaranse nun sobre pechado, que se entregará no Rexistro Xeral do Concello de Orihuela.
Faktoría K editará a obra que designe o xurado, formado por profesionais de prestixio. A publicación, prevista para o 21 de marzo, coincidirá co Día Mundial da Poesía.
O obxectivo do certame é potenciar a poesía dirixida ao público infantil e homenaxear ao escritor Miguel Hernández. A edición da obra galardoada constará de 3.000 exemplares, comercializarase tanto en Europa como en Norteamérica e Latinoamérica e difundirase e promocionarase nas principais feiras internacionais do libro nas que participa Faktoría K: Liber (Barcelona), Bolonia (Italia), Bos Aires (Arxentina), Frankfurt (Alemaña) e Guadalajara (México).
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias