El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O teatro galego negocia o seu primeiro convenio co que tratarase de erradicar a precariedade

29-04-2008

O teatro profesional galego vén de festexar o 30 aniversario na última gala dos Premios María Casares e aínda está a negociar o seu primeiro convenio. Trátase dun "paso histórico" para regularizar a profesión e rematar coa "precariedade laboral" que ata agora veñen padecendo os traballadores do teatro galego, segundo afirmou o presidente de Escena Galega, Celso Parada. A asociación informou ás compañías de teatro galegas das táboas salariais que están a negociar coa Asociación de Actores e Actrices e cos sindicatos representados no Consello Galego de Relacións Laborais. Estas táboas parten dunha "situación real" e "moi precaria": "as empresas non obteñen beneficios suficientes, e os cartos proceden das axudas", asegura o vicepresidente de Escena Galega, Xosé Manuel Rabón. Por iso, establecen un convenio "de mínimos" que poidan asumir mesmo as compañías que non reciben subvencións. Con todo, o salario estándar dos actores será, segundo as previsións de Escena Galega "máis altas que o nivel medio de salarios neste país", e sitúao "por riba de mil euros", agás no tramo salarial das empresas que non obteñan axudas, no que a asociación non avanzou cifras. A maioría das compañías está de acordo con estes baremos, que presentarán coas outras partes da negociación na próxima reunión da Comisión do Convenio, con data aínda por determinar pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o IGAEM, Escena Galega e os sindicatos. Tanto por parte dos actores como das compañías, existe unha vontade de regular canto antes as súas relacións laborais, xa que segundo Rabón "é un bo momento para facelo e que o sector vaia para arriba". Sinala que este acordo servirá tamén para que a Administración "se implique tamén en mellorar o sector", a través destas canles que contribúen a "estruturar o sector" e as chamadas "industrias culturais". Situación complicada Galicia conta cun total de 81 compañías profesionais de teatro, once de títeres, nove de danza e 22 de maxia, das cales o 90% ten menos de cinco asalariados "multifunción" que se encargan de todo o proceso, dende a creación e produción ata a distribución. Así o constata o estudo presentado polo IGAEM o pasado mes de outubro no marco da Feira Galega das Artes Escénicas. O mesmo informe amosa que na maioría dos casos non existen empregados estables. Deste xeito, o 60% das compañías constitúense como sociedades limitadas destinadas a crear autoemprego para un ou dos emprendedores, e máis da metade facturan menos de 100.000 euros ao ano. Cun salario medio anual de 8.900 euros ao ano, similar ao salario mínimo interprofesional do 2008, os profesionais das artes escénicas móvense nun escenario de inestabilidade, o que inflúe tamén no proceso de programación das compañías, que non contan con recursos humanos propios. O estudo corrobora que as empresas de artes escénicas en Galicia están no "umbral da rendibilidade" e que dependen en boa medida da Administración, xa que entre o 25 e o 30 por cento dos ingresos das compañías proceden de subvencións directas. No que respecta concretamente ao teatro, que é o eido ao que afecta o convenio, a Guía de Actividade Empresarial realizada polo Igape en 2006, indica que a metade dos actores do teatro profesional galego non alcanza o salario mínimo interprofesional, que no ano de referencia, o 2004, se situaba nos 6.313 euros anuais. Segundo o mesmo estudo, as compañías galegas se atopan nun "baixo grao de desenvolvemento" e que máis de dous terzos dos actores viven en precariedade laboral, xa que só un terzo vive exclusivamente da súa profesión. Ademais, para facer fronte aos baixos ingresos, a meirande parte das empresas non teñen asalariados ao seu cargo, un 63,58 por cento. E un 21,71% ten un ou dous empregados. Deste xeito, segundo datos do Ardán referentes a 2004, unha compañía de teatro tipo en Galicia dedica uns 33.662 euros a pagar o soldo e a seguridade social.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias