Sociedad
30-04-2008
O certame GZCrea incorporará na edición deste ano dúas novas modalidades, a de deseño de xoias e videoclips, que se suman a outras que existían ate o de agora, como é o teatro, as artes plásticas, a moda, a música, o relato, a poesía, a videocreación, a composición para banda de música, a banda deseñada, graffiti e carteis. Anunciárono o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e mais o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, que destacaron o papel que ten xogado esta convocatoria ano tras ano, pois é unha "plataforma de lanzamento para os novos creadores galegos".
O vicepresidente, de feito, non dubidou en comparar a importancia que para un país ten "un forte tecido industrial" coa importancia da "industria do talento, das ideas", algo no que Galicia, engadiu, "é unha auténtica potencia".
E neste senso, referiuse ao certame como un estímulo e unha oportunidade para os creadores. Estímulo, porque os que teñen unha afición poden convertila "nunha profesión" trala súa participación; e oportunidade porque a experiencia demostra que "os gañadores doutros anos" teñen acadado "un éxito na súa labor".
Ao mesmo tempo, trátase dun certame que "reflexa a nosa identidade", segundo aseverou Quintana, quen optou por promover a conversión "da imaxinación en industria". De feito, sinalou que é algo que xa se está a facer e, para mostra, aludiu a exemplos de edicións previas para afirmar que "as creacións glegas e en galego, venden". Están, pois, "lonxe de ser un freno", máis ben ao contrario, pois "son un símbolo de calidade e identidade".
Novas modalidades
A innovación é un dos elementos que caracteriza estes premios, segundo a Vicepresidencia, dado que se teñen incorporado novas modalidades, polo que se aspira a elevar o número de participantes -foron 400 o ano pasado-.
A elección destas non é casual, pois o propio Rubén Cela aludiu a que "Galiza é punteira a nivel mundial no deseño de xoeiría" e, neste eido, destacan galegos menores de 30 anos.
Máis alá dos premios aos que se poden obter (3.000, 1.500 e 1.000 euros son as contías que existen en cada categoría para o primeiro, segundo e terceiro premio), tamén o certame é unha boa oportunidade para formarse, dado que se están a xestionar "bolsas formativas" nalgunhas das modalidades, para que os gañadores pasen un ano nunha empresa formándose, tentando así unha saída profesional.
En total, a Xunta destina 300.000 euros a GZcrea, que se gastan nos premios en metálico, a edición das obras e a fase final do concurso, que nesta edición xa ten prazos e requisitos. Os interesados en participar deben ter entre 16 e 30 anos e ser galegos e terán que presentar a súas obras antes do 30 xuño.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias