Sociedad
05-05-2008
O actor, director e autor teatral francés Patrick Lerch impartirá esta semana en Santiago o último obradoiro do curso "Pistas para unha dramaturxia de actualidade II", organizado polo Centro Dramático Galego. Un total de 15 alumnos participará nesta actividade, que se desenvolverá polas tardes no Salón Teatro deica o venres, baixo a dirección de Cándido Pazó.
Natural de París, Patrick Lerch vive e traballa actualmente en Bruxelas, onde ten escrito numerosos textos teatrais, que se levan á escena tanto en Francia como en Bélxica. Escribiu en residencia na Chartreuse de Villeneuve (L'ange et le cuisinier 96) e recibiu varias bolsas de escrita.
Os seus textos, entre os que destacan "Les Nuages gris dans les yeux bleus de ma mèr", "Les Silences de Monsieur Tarwitz", "Le Bouffeur" ou "Le Dire troublé des choses", foron editados polo Grupo Avén, en Bélxica e polas editoriais Lasman e Théâtrales en Francia.
Dende novembro, os asistentes veñen creando un texto dramático, que rematará neste mes de maio. O curso componse de catro obradoiros dramatúrxicos dunha semana de duración nos que se rastrexan e experimentan os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordar temas de actualidade.
Todas as obras resultantes deste laboratorio de escrita serán publicadas nunha nova liña editorial que, empregando a fórmula da coedición, primará a función dos libros como material de traballo.
Cándido Pazó, Yolanda Pallín e Jacinto Lucas Pires impartiron os anteriores obradoiros, onde os alumnos matriculados traballaron os aspectos relacionados coa escolla dos temas e motivos de teatralización, detección de conflitos e valoración das potencialidades de partida, así como os distintos elementos da teatralidade á hora de abordar o traballo dramatúrxico, construción de personaxes, diálogos e resolucións finais.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias