El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Uns 800 pacientes participan en ensaios de novos fármacos e tratamentos contra o cancro na sanidade galega

05-05-2008

Un total de 800 pacientes participan actualmente en ensaios clínicos de Oncoloxía na rede de centros hospitalarios públicos da comunidade galega. Segundo os datos que manexa o Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia, durante o ano pasado recibíronse 41 protocolos para iniciar proxectos de investigación nos centros sanitarios co fin de estudar novos tratamentos e fármacos para loitar contra o cancro. Estes estudos experimentais aplicados a seres humanos son, en moitos casos, o paso posterior ás investigacións en animais, xa que os seus resultados non son directamente extrapolables ás persoas. Ademais, son necesarios para que as autoridades sanitarias poidan autorizar a comercialización dun fármaco. Pero antes de que estes produtos poidan atoparse no mercado, proceso que se prolonga durante un mínimo de cinco anos, os estudos deben pasar por unhas fases estritas, a primeira das cales é a obtención do permiso do comité ético galego. Este órgano encárgase de evaluar os proxectos "velando por que se cumpran unha serie criterios, tanto referentes á metodoloxía como á correcta información do paciente", explica o doutor Martín Lázaro Quintela, membro do órgano composto por 25 expertos de distintas áreas da asistencia hospitalaria. A honestidade á hora de obter o consentimento do paciente é un dos puntos nos que o comité é máis meticuloso, pois se debe velar por que "o enfermo estea plenamente informado de por que se fai o estudo, que efectos secundarios pode sufrir e que beneficios pode reportar para a súa enfermidade", fronte ao tratamento convencional. Outros aspectos destacables son o financiamento do proceso investigador e a retribución que recibe o paciente. Neste punto, o comité vixía que non se introduzan sesgos a favor da farmacéutica ou do laboratorio que proporciona o diñeiro. En canto ao enfermo, ponse especial coidado en que só se lle paguen os gastos que lle poida ocasionar o ensaio, sen que o diñeiro poida verse como un atractivo para aceptar participar no estudo. Para vixiar o cumprimento destas premisas, este grupo reúnese unha vez ao mes, analizando entre 20 e 40 estudos. Durante o ano pasado, este equipo recibiu un total de 235 protocolos para iniciar estudos, a maior parte dos cales (o 17%) pertencían ao área de Oncoloxía, xa que o cancro é a segunda causa de morte en Galicia, tralas enfermidades do aparello circulatorio, segundo os datos de Consellería de Sanidade. Como exemplo do dinamismo que se rexistra neste ámbito está a quincena de ensaios para tratar o cancro de pulmón e o de mama, nos que participan varios profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI). Aínda que a menor escala, tamén investigan novas terapias para enfrontarse á anemia derivada da quimioterapia, a tumores raros, como os sarcomas, e aos que afectan ao aparello dixestivo e ao xenital. Lázaro Quintela, que tamén é especialista en Oncoloxía Médica deste centro explica que a maioría dos pacientes que participan nestes estudos "sofren enfermidades en estados avanzados", aínda que tamén hai un grupo máis pequeno que se enmarca en tratamentos complementarios logo de ser operados ou de someterse a quimioterapia, para ver "se é posible incrementar a porcentaxe de curacións" e evitar unha recaída.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias