Sociedad
07-05-2008
A quinta edición do Festival de Cans (O Porriño) se desenvolverá entre o 21 e o 24 de maio co aumento de aforo, a fixación de premios económicos, a potenciación das actuacións musicais e o incremento notable das actividades alternativas como principais novidades.
Na presentación da quinta edición participaron o alcalde do Porriño, Raúl Francés; o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias; a delegada provincial da Consellaría de Cultura, María Xesús López Escudeiro; o vicepresidente do Cluster Audiovisual Galego, Carlos Carballo; o xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela; a presidenta da Asociación Cultural Arela, organizadora do certame, Keka Iglesias; e o director do festival, Alfonso Pato.
Na súa intervención, Pato salientou que "serán catro días con moitos eventos" e enumerou, entre as actividades máis curiosas, un "concerto nun hórreo con Víctor Coyote e aforo para 12 persoas". Lembrou que este Festival "pasou de ser unha broma" a un "punto de referencia en Galicia e no resto do Estado". Tamén anunciou a reestrea da curtametraxe 'Río de sombras' na que o actual alcalde de O Porriño, Raúl Francés, interpretou hai 21 anos o papel de xornalista.
Pola súa banda, o rexedor porriñés remarcou que "cinco anos deste Festival poñen de manifesto que cando unha idea está ben plantexada, as cousas funcionan" e puxo de manifesto que existe "un equipo detrás que leva todo o peso do Festival".
Producións a concurso, premios e xurado
A selección de producións a concurso inclúe 32 pezas: 18 curtas e 14 videoclips. Das curtas, 12 son de ficción e 6 de animación. Cubren todos os xéneros, tráennos as últimas creacións de curtametraxistas xa clásicos entre nós e tamén nos descubren novos talentos. Poderanse ver o sábado pola tarde nas salas de Cans. Os 14 videoclips musicais, representación dun dos xéneros audiovisuais emerxentes, proxectaranse o xoves 22 nun local da asociación de bares Espacio Noite, do Porriño.
As curtas a concurso son, en ficción: Palíndromo (Eva Quintas Froufe), O hospital (Iván Seoane), Avalancha (Coté Soler), Da man da raíña vermella (Omar Rabuñal e Miguel Corujo), Perversa Lola (Sonia Méndez), Babies for Gina (Lara A. Serodio), Van de Sobra. Toda unha personaxe (José Ángel Regueiro), Sálvame (Javier Veiga), Auga (Xosé Antón Perozo ?Ozo?), Rosita e Jacinto (19', Alber Ponte), Cores (Jairo Iglesias) e Formularios truculentos (José Luis Díaz).
En animación participarán Man (Juan Carlos Abraldes), A revolta dos mouses (David Gen), 1977 (Peque Varela), Leo (Fernando Cortizo), Don Señor e o home do soño (Nacho Abia) e O bufón e a infanta (Juan Galiñanes).
Os grupos que contarán con videoclip a concurso son Manos de Topo (Vigo /Barcelona), Meu (A Coruña), Pacífico (Vigo), Ruxe-Ruxe (Compostela), Triángulo de Amor Bizarro (Barbanza), Combo Dinámico (A Coruña), Baldosa Amarilla (O Porriño), Catpeople (Vigo/Barcelona), Silvia Penide (Arteixo), The Homens (Compostela), Elodio y Los Seres Queridos (Vigo), Apenino (Compostela), Franc3s (Carballo) e Lamatumbá (Ourense).
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias