Sociedad
09-05-2008
Unha variada selección de cine cubano poderá verse na capital galega do 12 ao 16 de maio, froito dun acordo asinado en 2007 na Habana entre o Consorcio Audiovisual de Galicia e o Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfica (ICAIC) para difundir a ambas beiras do Atlántico os patrimonios audiovisuais dos dous países. Do mesmo xeito, desenvolverase en Cuba unha Semana de Cine Galego.
Así o anunciou o presidente do Consorcio e secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, quen avanzou que Galicia acollerá en xuño a Semana do Cine Brasileiro e en setembro a Semana do Cine Arxentino, a raíz de protocolos similares.
'El Benny', 'La pared', Tres veces dos', 'Viva Cuba' e 'Nada' son os títulos elixidos para a primeira edición desta mostra bienal. As proxeccións desenvolveranse do luns ao venres da vindeira semana no Teatro Principal de Santiago, a partir das 20 horas, e a entrada será de balde, previa retirada do convite no Teatro a partir das 17 horas.
O director do Festival de La Habana, Iván Giraud, salientou a "variedad" e o feito de que se dea a coñecer a nova fornada de autores do cine cubano ao público galego, xa que os filmes incluídos nesta mostra "son todos primera obra, excepto 'Viva Cuba'".
Xunto a Salgado e Giroud, asistiron ao acto o presidente da SGAE no Noroeste, Javier Vidal, e o actor cubano Héctor Noas, protagonista de 'La pared', un filme de baixo orzamento que se proxectará estes días en Santiago, así como o músico Santiago Feliú, compositor de bandas sonoras de filmes cubanos e que actuará hoxe a partir das 20 horas no acto de inauguración da Mostra que se desenvolverá na sede compostelá da SGAE.
Benny Moré
O filme inaugural da Mostra, 'El Benny', dirixida por Jorge Luis Sánchez en 2006, baséase na vida do músico cubano Benny Moré, seleccionada por Cuba como candidata aos Oscar no 2007 e que xa percorreu un número importante de festivais internacionais, nos que apañou algúns premios, como o de Montreal, La Habana, Miami, Cannes e El Cairo.
Héctor Noas protagoniza 'La pared', dirixida por Alejandro Gil en 2006, e na que fai dun home que decide illarse da realidade. O filme poderá verse o martes. Ao día seguinte, exhibirase 'Tres veces dos', de Pavel Giroud, Lester Hamlet e Esteban Insausti, unha película composta por tres contos a modo de produción experimental do ano 2004.
Dous nenos deciden escapar da súa casa para percorrer a illa. Ese é o argumento de 'Viva Cuba', unha historia de amizade dirixida por Juan Carlos Cremata e estreada no 2005.
A Mostra pecharase con 'Nada', de Juan Carlos Cremata, do ano 2001, filme no que Carla Pérez, unha rapaza que traballa en Correos, empeza a implicarse nas cartas dos seus veciños.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias