Sociedad
12-05-2008
O pianista, musicólogo e compositor Michael Nyman e a súa banda levarán ao Multiusos Fontes do Sar de Santiago un completo programa con moitos dos seus temas máis coñecidos, entre os que destacan as bandas sonoras de 'Wonderland', 'Prospero's books', 'The Libertine' e 'The Piano'.
O concerto que ofrecerá este venres día 16 de maio ás 22 horas na capital galega é o único que o artista londinense ten confirmado en España para este ano. Tralo espectáculo de Compostela, Nyman partirá cara Italia para ofrecer unha minixira de recitais no mes de maio, e máis adiante parará por Londres, Polonia e volverá a Italia.
O recital de Santiago iniciarase con 'Wonderland', á que dedicará aproximadamente 11 minutos. A continuación escoitarase a banda sonora de 'Prospero?s Books', con algunhas das pezas máis espectaculares do compositor, como a clásica como 'Miranda' ou 'Prospero?s Magic'.
Despois ofreceranse 15 minutos de secuencia musical do filme 'The Libertine', coas cancións 'The Mistress', 'Against Constancy' e 'A Satire Against Reason'. Deseguido ofreceranse 'Water Dances', cancións compostas para a curta 'Making a splash', con 8 movementos, que evocarán aos asistentes imaxes de auga.
Non faltará, como era de esperar por todos os seguidores do artista, a música da película de Jane Campion, 'The Piano', para moitos a máis importante banda sonora de Nyman e para todos o traballo que lle trouxo maior éxito e popularidade. Serán dez minutos nos que se escoitarán 'Big my secret', 'Silver fingered fling' e o fermoso tema a piano 'The Heart Asks Pleasure first'.
O programa inclúe tamén as bandas sonoras de 'Draughtsman?s Contract' e 'Drowning by Numbers', ámbolos dous filmes de Greenaway. Michael Nyman adicará media hora do recintal ás composicións destas dúas películas, con temas melancólicos e dramáticos e un importante toque de Purcell e Mozart.
As entradas están á venda a través das canles de ticketing de Caixa Galicia (www.caixagalicia.es e 902 43 44 43) a un prezo de 20 euros nas gradas e de 25 euros nas plateas. Na web aínda están dispoñibles unhas mil das 2.500 localidades. Os posuidores da tarxeta NetClub e os abonados ao Multiusos Fontes do Sar e do C.D. Santa Isabel gozarán dun 15% de desconto, polo que poderán mercar as localidades a 17 e 21,25 euros.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias