Sociedad
19-05-2008
Un total de 216 curtametraxes procedentes de 35 países presentáronse ao Festival Internacional de Animación Mundos Dixitais, organizado pola Universidade da Coruña e patrocinado pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e a Fundación Caixa Galicia.
O evento reunirá na cidade herculina durante a primeira semana de xullo aos profesionais máis destacados da creación dixital en campos como o cine de animación, os efectos especiais e os videoxogos.
Ademais dos obradoiros e conferencias do encontro internacional Mundos Dixitais, este ano celebrarase unha nova edición do Festival Internacional de curtas de animación. A crecente importancia deste certame, considerado como un dos máis importantes do mundo no seu sector, conseguiu duplicar os rexistros de participación en só un ano, e ampliou a súa área de influencia ata países como Taiwán, India, Finlandia, Indonesia, Corea do Sur, Nova Celanda ou Israel, entre outros.
A organización dará a coñecer o vindeiro venres o nome dos finalistas, que se desprazarán ata A Coruña para competir polos premios á mellor curta de animación, mellor curta de animación nacional e premio especial do público.
O festival, que se desenvolverá entre o 2 e o 5 de xullo, acollerá ademais este ano por primeira vez a entrega dos Premios 3DAwards, coñecidos como os 'Óscar da Infoarquitectura'. Este ano, o certame xirará en torno á Torre de Hércules.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias