Sociedad
20-05-2008
Cun acto cómicamente luctuoso protagonizado por Mofa e Befa presentouse en Santiago o Plan Galego das Artes Escénicas (PGAE), chamado a transformar as estruturas máis precarias do teatro, a danza, a maxia e o circo que se fan en Galicia. O Plan, elaborado co consenso de máis de 40 representantes de todos os axentes implicados neste eido e co que se compromente seis departamentos da Xunta, establece un marco de actuación "a medio e longo prazo" e conta cunha dotación orzamentaria de preto de 66 millóns de euros deica o 2011.
Segundo afirmou o xerente do Igaem, Miguel Martín, trátase dun plan "sen precedentes en todo o Estado", que responde a unha "demanda histórica do sector das artes escénicas" e que "paga unha débeda da sociedade co teatro galego, comprometido coa nosa lingua e cultura".
Nun acto dirixido por Quico Cadaval e amenizado por Mofa e Befa, Martín desglosou algúns dos contidos do plan, que recolle 83 accións concretas englobadas en cinco grandes eixos: a dimensión sociocultural das artes escénicas, o fomento da creación e formación, a potenciación das industrias culturais neste eido, a consolidación do mercado e a internacionalización das artes escénicas galegas.
Pola súa banda, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, lembrou que esta "nova estratexia de apoio" é outra ferramenta para o desenvolvemento das artes escénicas, despois de aprobarse a Axencia Galega de Industrias Culturais, reformarse a Rede Galega de Teatrose Auditorios, crearse un Centro Coreográfico Galego, e realizar un programa de teatro amador.
O obxectivo de todas estas accións é, segundo a titular de Cultura, "conseguir unhas artes escénicas con protagonismo na sociedade galega e proxección universal", entendendo a cultura como "un servizo público, pero tamén unha manifestación da identidade e un motor económico".
Teatro y política
Para Bugallo, a traxectoria do teatro galego "sempre mantivo un vínculo estreito coa sociedade e a política", e referiuse á Escola Rexional de Declamación, ás Irmandades da Fala, á Xeración Nós, á emigración e á refundación do teatro galego nos anos 70 como "fitos importantes" das artes escénicas galegas. Dentro deste contexto, o PGAE supón "un novo fito".
O PGAE será avaliado por unha comisión de seguemento, ante a "necesidade de compartir a defensa e mellora do plan" tanto por parte da Administración como polas principais asociacións do sector escénico en Galicia, segundo salientou o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Vicente Montoto.
A comisión analizará o grao de execución do plan, analizará os resultados e colaborará no deseño de novas políticas.
Tamén o presidente de Escena Galega, Celso Parada, valorou este "ambicioso plan de Goberno" que atribúe unha dotación económica á transformación das artes escénicas; "será máis difícil levalo a cabo que plasmalo en papel" engadiu.
Medidas
O Plan ponse en marcha xa neste 2008 cun orzamento de 12,8 millóns de euros. Neste prazo, márcanse xa algúns obxectivos dentro de cada eixo e liña de actuación. No 2009, o orzamento será de 15,32 millóns de euros, e irá medrado nalgo máis de 2 millóns de euros cada ano, ata chegar aos máis de 20 millóns que se destinarán no 2011. En total, neste período de catro anos investiranse case 65,8 millóns de euros.
Entre os cometidos do Plan, atópase o de "democratizar o acceso á oferta cultural", para o que destina 13,3 millóns de euros. Así, fomentarase o teatro afeccionado, universitario e escolar e desenvolverase un novo programa sociocultural comarcal para achegar as artes escénicas a toda a cidadanía.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias