Sociedad
09-06-2008
O Teatro Principal de Santiago acollerá dende este mércores día 11 os concertos de Rosa Cedrón, Víctor Aneiros Band, Mercedes Peón, Treixadura e Silvia Penide, dentro do Circuíto 4x4.
O primeiro directo será o día 11 ás 21 horas a cargo da cantante e violonchelista monfortina Rosa Cedrón, que acadou recoñecemento dentro da formación Luar na Lubre. Ao día seguinte, chegará a cita co jazz da man da Víctor Aneiros Band, con composicións propias que navegan entre o rock, o blues e o jazz.
O día 18, actuará no Principal a recente gañadora do Premio Nacional de Cultura na modalidade de Música, Mercedes Peón. A cantante é, hoxe por hoxe, unha das artistas de maior proxección dentro do chamado "fenómeno de músicas do mudo". Despois dun longo camiño percorrido co seu primeiro traballo 'Isué', polos escenarios de toda Europa, e logo de obter o recoñecemento da crítica especializada e de toda clase de públicos, lanzou un novo traballo discográfico chamado 'Ajrú'.
As dúas últimas citas do mes achegan dúas propostas ben diferentes no panorama musical galego de hoxendía. O día 23, chega ao teatro Principal o grupo de músical tradicional Treixadura, na compaña do seu orfeón, co seu espectáculo 'Unha semaniña enteira'. Nel xúntanse o canto e a gaita, con Orfeón Treixadura e Treixadura Gaiteiros.
Por último, pecha o Circuíto na capital galega unha das voces de maior proxección do pop contemporáneo. Silvia Penide actuará o día 26 de xuño no mesmo escenario. Todas as entradas teñen un prezo de 5 euros.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias