Sociedad
Xa visitou os Canóns do Sil e o mosteiro de Oseira, con fin de levar a cabo una coprodución franco-galega
11-06-2008
O Consorcio Audiovisual de Galicia loce nestes días soleados os encantos da comunidade ante o director francés Règis Wargner, co fin de realizar a primeira coprodución franco-galega. Para iso, contan cun "embaixador de luxo", o actor galego José García, afincado no país galo, e considerado un dos mellores intérpretes europeos, demandado en varias ocasións polo mesmísimo Jean-Jacques Annaud.
O director de 'Indochina', 'Une femme française' ou 'Pars vite e reviens tard', na que actúa o propio José García, xa visitou os Canóns do Sil e o mosteiro de Oseira, así como os viñedos que posúe pola zona o cineasta José Luís Cuerda, con quen intercambiou impresións sobre cine e con quen non descarta "un proxecto en común".
Wargner mantivo este mércores un encontro cos medios, unha comida de traballo cos responsables de SempreCinema para coñecer as vías de financiamento para proxectos audiovisuais en Galicia, e máis tarde, unha xuntanza con membros do sector audiovisual galego para coñecer os equipos técnicos e proxectos do país e presentar propostas. Tamén transmitirá a experiencia da comisión de rodaxes de París. O xoves visitará zonas costeiras e ten intención de coñecer cidades como Vigo e zonas máis industriais, como sinalou José García.
Para Fernando Salgado, presidente do Consorcio e secretario xeral de Comunicación da Xunta, a posibilidade de establecer relacións coa cinematografía francesa suporía "un salto cualitativo" na dirección de proxectar "a imaxe de Galicia máis alá das nosas fronteiras". Neste sentido, referiuse ás "relacións fluídas co audiovisual latinoamericano" con acordos con países como Arxentina, Brasil e Cuba, "e posiblemente con México nun prazo curto de tempo".
Un namorado de Galicia
Sen prometer volver a Francia cun proxecto pechado en Galicia, Wargnier expresou o seu interese por rodar nesta zona, que non visita por ver primeira.
Así, lembrou que "como apaixoado dos países celtas e atlánticos", cando o euro se converteu na moeda da Unión achegouse a Galicia para ver "casas bonitas para mercar", se ben se botou atrás para "non ter que coller o avión para ir a Francia", polo que acabou optando por unha vivenda na Bretaña francesa.
Estes días tivo a oportunidade de coñecer máis polo miúdo os escenarios que ofrece Galicia e recoñece que "non esperaba atopar unha paisaxe tan dramática e potente". Na súa viaxe, comentoulle a José García que as diferencias entre a súa Bretaña e Galicia "é que hai zonas que parecen Escocia, e outras nas que se pode ambientar Arxentina".
"A miña estancia vai ser moi curta; non podo prometer atopar unha historia desta vez, pero gústame rodar fóra de París, engade unha excitación suplementaria", engadiu. O oscarizado director sinalou outra razón para traballar en Galicia: "hai unha produción de cinema interesante, e hai moitos franceses que queren ver cousas alén do cinema francés". Os primeiros contactos de Wargnier co cine rodado en Galicia levaban o nome de 'Os luns ao sol' e 'Mar adentro'.
Por se as ganas fosen poucas, aínda anda un actor de pais lugués e nai ourensana alimentando o terreno: "imos facer todo o posible para que Galicia se convirta nun plató xigantesco", expresou José García.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias