El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Os andamios para a restauración do Pórtico da Gloria permiten ver de cerca o monumento

12-06-2008

A Fundación Barrié colocou un andamio na Catedral de Santiago que permite ver á altura dos ollos o Pórtico da Gloria. Aínda que o obxectivo principal desta instalación consiste na exploración da obra do Mestre Mateo de cara á súa restauración, moitos serán os que tentarán aproveitar a oportunidade de ver nas mellores condicións esta xoia do Románico, coas visitas gratuítas e restrinxidas a grupos de 14 persoas que organizará a Fundación, con reserva previa. Os traballos comezaron xa o pasado luns, día 2, e prolongaranse durante dúas semanas, no marco do Programa Catedral de conservación preventiva e restauración do Pórtico e do seu entorno e no conxunto mural da Capela Maior, promovido e financiado en exclusiva pola Fundación Barrié con 3 millóns de euros, e que espera estar concluído antes do Ano Santo 2010. O deseño do andamio foi encargado polo Cabildo da Catedral ao arquitecto Francisco Javier Alonso de la Peña, quen coidou que a estrutura se adaptase o mellor posible ás formas e requisitos de conservación do Pórtico, de xeito que permitise realizar os estudos previos de restauración e as visitas restrinxidas a nivel de tímpano, e ofrecer tamén boas condicións de visibilidade dende o chan durante a duración do traballo. O andamio ocupa unha superficie en planta de 85 metros cadrados, cunha altura ata as bóvedas do Pórtico de 10 metros. Grazas a este andamio poderanse executar os traballos de conservación preventiva e restauración, da realización do estudo estrutural, fotográfico e escaneado completo do Pórtico da Gloria así como o correcto desenvolvemento dos traballos de monitorización permanente do monumento. O escaneado en alta resolución do Pórtico xa o realizou unha empresa galega especializada en tecnoloxía láser antes da instalación do andamio, coa fin de axilizar estes traballos. Da restauración encargarase un dos dez equipos interdisciplinares con sede en Galicia, España, Italia e Francia que presentaron as súas propostas ao concurso internacional para as primeiras fases dos proxectos de conservación preventiva e restauración do Pórtico da Gloria e as Pinturas Murais da Capela Maior da Catedral. O concurso resolverase antes de finais de xullo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias