Sociedad
13-06-2008
A 17ª edición da Feira do Libro Antigo e de Ocasión de Santiago abre este sábado as súas casetas ás 13 horas no Paseo dos Leóns da Alameda compostelá. Participarán un total de once librerías, que porán á venda máis de 100.000 exemplares de obras antigas e libros baratos ata o día 29, en horario de 11 a 14 horas e de 17.30 a 21.30 horas.
Segundo informan dende a Federación de Libreiros de Galicia, a participación deste ano é maior ca no 2007, xa que ata a Alameda se desprazarán libreiros da Coruña, Vigo, Valladolid, Valencia, León, Ponferrada, Madrid e Asturias.
Concretamente, das once librerías, tres son galegas (Libros Girasol da Coruña e Rivero e Solpor de Vigo), mentres que a maioría proceden de fóra da comunidade: a librería Maxtor de Valladolid, Camino de Santiago de León, Cajón de Sastre de Ponferrada, Bibliomanía e Pedro de la Puente, de Madrid, e Personajes, de Asturias, ademais de Al Tossal e Asilo del Libro, que veñen dende Valencia, un lugar onde existe unha maior tradición de venda de libro de vello.
Entre as curiosidades que se poderán atopar na feira e que farán as delicias dos bibliófilos atópanse a 'Crónica General de España', de Florián Docampo, publicada en 1586, a 'Crónica de Alonso el Onceno', publicada no ano 1595, ou a 'Crónica de Alonso VII', de Prudencio Sandoval, tamén do século XVI.
Haberá tamén numerosas e valiosas primeiras edicións, como a de 'Catro poemas galegos', ilustrada por Luís Seoane, ou a primeira edición de 'Los Ángeles', de Rafael Alberti, tamén con ilustracións do pintor galego.
A Feira tamén ofrecerá a posibilidades de adquirir o libro 'Poetas en la España Leal', publicado en 1937 en Valencia, e especialmente difícil de atopar no mercado bibliográfico, segundo apuntan dende a Federación de Libreiros.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias