El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

ANO SANTO

Cultura encargará unha obra musical de gran formato para a estrea mundial na Catedral do "Via Stellae"

30-06-2009 13:59:19

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou en Compostela que a edición 2010 do Festival 'Vía Stellae' arrancará cunha obra musical de gran formato para a Catedral de Santiago. A intención do responsable autonómico é encargar esta peza a un compositor de "renome e recoñecido prestixo", para o que xa se están mantendo contactos con músicos da importancia de John Adams ou Philip Glass.

No tocante ao festival do presente ano, presentado xa polo anterior Goberno, Varela confirmou a súa continuidade. Así, o IV Festival de Música de Compostela e os seus Camiños comezará o vindeiro xoves dous de xullo e durará até o xoves 23. Durante todo este tempo, están programados máis de 100 concertos en 38 vilas galegas situadas en todos os Camiños de Santiago.

O cartel conta con intérpretes como Marc Minkowski, Rinaldo Alessandrini, Andrea Marcon ou Fedrico Maria Sardelli; ademais de agrupacións como a Orchestra of the Age of Enlightenment, a Kammerochester Basel ou a Ensemble Clément Janequin. Ademais, Varela confirmou que Víctor Carou continuará ao fronte da dirección artística do 'Via Stellae'.

MAIOR EXTENSIÓN XEOGRÁFICA, TEMPORAL E ARTÍSTICA

Por outra banda, o conselleiro asegurou que este evento tiña unha "importancia fundamental" de cara ao Xacobeo, polo que o departamento que dirixe "respáldao enormemente". Por iso, para o vindeiro ano, procurarán facer un festival "máis ambicioso, cunha maior contemporaneidade, cunha maior dispersión xeográfica e máis longo".

Como novidades, ademais da obra musical inaugural de gran formato, destaca a inclusión da palabra 'Galicia' na súa denominación, para acadar unha maior identificación do festival coa comunidade galega, de cara á promoción no exterior, e así "internacionalizar a imaxe de Galicia".

Por outro lado, tamén teñen previsto organizar actividades musicais dirixidas aos máis pequenos da casa e dotar dunha maior presenza no programa á música sacra contemporánea. Asemade, está prevista a presencia de varios directores de orquesta de "primeirísimo nivel" para que dirixan orquestas galegas, segundo sinalou Varela.

MÚSICA PARA LUGARES SINGULARES

Pola súa banda, o director-xerente da S.A. de Xestión do Xacobeo, Ignacio Santos, subliñou que produce "calafríos" pensar nos lugares onde se celebra o 'Vía Stellae', xa que son "moi representativos para Galicia". Así, os concertos celébranse en conventos, mosteiros e igrexas das rutas xacobeas.

O director artístico do evento, Víctor Carou, sinalou que "a contemporaneidade vai da man da recuperación da música antiga, barroca", referíndose aos dous estilos presentes no festival. Como terceiro piar do 'Vía Stellae', situou o "apoio aos nosos artistas, que tamén teñen moito que dicir". Neste senso, amosou o seu desexo de que a relación establecida entre os artistas de renome internacional convidados e os músicos galegos vaia deixando "un poso na nosa bagaxe cultural".

Por último, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, destacou o "gran atractivo turístico" que supón o 'Vía Stellae', xa que moitos dos músicos convidados debutan en Galicia grazas a este evento. Asimesmo, subliñou que este tipo de iniciativas sitúanse nunha vertente de turismo cultural que constitúe un "elemento innovador na nosa oferta" turística.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias