El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

ENTREVISTA EN RADIO LÍDER

Manolo Rivas: “A pulsión do desexo é a verdadeira enerxía alternativa”

16-12-2009 18:54:33

O escritor coruñés Manolo Rivas ingresou con “naturalidade” o pasado sábado na Real Academia Galega. Con flor de toxo na man, a “xuventude” de Rivas entrou na institución co compromiso de traballar a prol da lingua e cun frasco coa etiqueta “ideas”.  Nunha entrevista en Radio Líder, o xa académico amósase optimista co futuro da cultura galega: “Temos futuro se facemos o amor co futuro”.

- ¿Qué sentiches o día que te converteches no membro máis xove da Real Academia Galega?

- Estaba moi tranquilo. Foi un día moi natural. Axudaba moito a xente que estaba alí. Ademais de membros da Academia, estaban veciños de Montealto e de Castro de Elviña, ademáis da familia, de tíos que había tempo que non vía e dos benxamíns da familia. Sentínme nun hábitat moi cálido, e mesmo axudaba a escenografía do lugar.

- ¿A que che compromete esta distinción?

-  Fundamentalmente a traballo. Sabemos por que estamos alí. Hai moitas cousas importantes na vida que, por sorte, non teñen que ver cos cartos. Gustaríame ir cunha maleta ou cun frasco que puxera ideas. Gómez de la Serna, que era moi pavero, ía cun frasco as conferencias no que puña ideas e cando se lle ía o santo o ceo abría o frasco e saíanlle as ideas. O que hai que aportar é os soños, transformalos en ideas e tentar levalos á práctica. Hai moito traballo na academia, aínda que as veces parece que o académico é sinónimo de aborrecemento ou de cousas museísticas. Hoxe en día cambiaron moito e convertéronse nunha especie de factorías relacionadas coas linguas e cada vez teñen máis cousas que aportar. A Academia galega ten un trazo que aportar. A maioría son creadas dende o poder, e esta, que ten tempo dabondo, naceu por iniciativa popular, da xente da cultura, cun trazo de libre pensamento. E ten unha identidade moi bonita: é unha Academia trasatlántica. A iniciativa estivo en La Habana e en Galicia o mesmo tempo. Agora que falamos de globalización, naceu cunha academia trasatlántica. Que bonito.

- ¿A nosa cultura ten futuro, ten posibilidade de sobrevivir?

- Se falamos específicamente de demografía, dos que somos, a cousa está fatal. Pero hai moitos galegos en Bos Aires. Hai moitos nenos no mundo e este podería ser un fogar marabilloso. Abrir as portas. O mellor que lle pode pasar a un país é que entre moita xente nova. Claro que temos futuro. A cantante Patti Smith di nunha das súas cancións que o que hai que facer é follar co futuro. Temos futuro se facemos o amor co futuro.

- ¿É a poesía a célula nai?

-  Cada vez máis, a poesía, como todas as grandes palabras, tamén sofre os seus problemas tóxicos e de contaminación. Hai como unha visión un pouco caricaturesca sobre a que tes que loitar. Mesmo no mundo da literatura cando se fai crítica dun libro se di que “está ben, pero demasiado lírico”. Fálase como se fose un defecto. Hai que reivindicar, volver a preguntármonos que é poesía. Ten que ver moitísimo máis coa ollada, co xeito de mirar a realidade, que non con formas determinadas, formas poéticas máis ou menos clásicas. É máis importante a ollada que o soneto perfecto, aínda que este tampouco está mal.

- ¿Como chegou a poesía ao neno Manolo Rivas?

- Un dos meus familiares, meu padriño, traballaba de vendedor de especies e tiña unha máquina de escribir moi pequeniña para facer facturas. Un día díxome se quería escribir. Era moi cativo e púxome a escribir e, como o carro era moi pequeno, dixen, vou facer poesía. Esa é a parte anecdótica.

O primeiro que escribín e publiquei tiña intención poética. Metía poemas nos murais do Instituto de Monelos. Aproveitaba calquera oportunidade para meter poemas. Había un poema que era un percorrido, que pensei que era moi vangardista, que era un percorrido en bus por Coruña e describía qué cousas vía. Había unha compoñente de amor e de rebeldía, pero tamén procurando preguntarse qué lle pasa o outro. Hai unha idea dun amor erótico que é a enerxía fundamental que move a escrita, que move a a vida. A pulsión do desexo é a verdadeira enerxía alternativa.

- ¿Por que falaches de ecoloxía no teu discurso de ingreso na Real Academia?

- A ecoloxía está moi presente na cultura popular. Xa está nos Cancioneiros, a final do século XII ou XIII Martín Códax pregúntalle á natureza. É una compoñente fundamental, xunto coa ironía, da nosa literatura.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias