Javier Bauluz, Miguel Riopa e Emilio Morenatti formarán parte do xurado do premio ‘A Imaxe de Galicia’ que ademais estará integrado por Teresa Porto Pedrido, directora da Fundación Caixa Galicia, Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG e un secretario, sem voto, que levantará acta do proceso.
O prazo para presentar candidaturas ao I Premio A Imaxe de Galicia, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) coa colaboración e o patrocinio da Fundación Caixa Galicia, remata o vindeiro 15 de Xaneiro de 2010. Con este galardón quere premiarse a mellor imaxe sobre actualidade galega publicada en medios informativos ao longo do ano 2009. As persoas interesadas poden consultar as bases do galardón e descargar o formulario de inscrición no enderezo www.imaxedegalicia.com.
Cada participante poderá presentar un total de tres imaxes ao certame, sempre que estas traten sobre a Comunidade Autónoma de Galicia e fosen publicadas nalgún medio ao longo de 2009. As fotografías deberán presentarse en formato jpg e RGB, cun peso entre 1 MB e 3 MB e con resolución de 300 ppp, e enviarse, xunto co formulario de participación de cada unha delas, por vía postal ao enderezo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ata o 15 de xaneiro do 2010.
Os tres fotógrafos que formarán parte do xurado están escollidos entre os mellores xornalistas gráficos do Estado. O asturiano Javier Bauluz é director da produtora Piraván e do medio de recente creación Periodismo Humano, ademais de coordinar o Encontro Internacional de Foto e Xornalismo Cidade de Xixón. Ten traballado para numerosos medios de referencia internacional en todo o mundo, e recibiu o Premio Pulitzer en 1995 por unha reportaxe sobre Ruanda, sendo o único español que conseguiu este prestixioso galardón internacional.
Miguel Riopa, pola súa banda, é un dos principais fotoxornalistas galegos en activo. Premio Luis Ksado de fotografía en 2004, traballou como redactor gráfico en Xornal Diario, Diario de Pontevedra, Diario 16 de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo, Axencia EFE e Associated Press, sendo na actualidad correspondente de Agence France - Presse.
Emilio Morenatti, por último, comezou a súa carreira no xornalismo local de Xerez. En 1992 entrou na Axencia EFE, para a que cubriu numerosos eventos nacionais e internacionais.l A finais de 2003 comeza a traballar para Associated Press, primeiro en Afganistán, despois en Oriente Medio e actualmente en Paquistán. Entre os seus premios encontranse o Fuji European Press Award e o National Headliner Award.
Este xurado analizará os traballos recibidos sen ter identificación algunha da súa autoría e escollerá, entre as fotografías presentadas, as cincuenta mellores, de entre as que se seleccionará a imaxe gañadora, que recibirá un único premio en metálico de 9.000 euros.
Ademais, coas cincuenta fotografías seleccionadas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Fundación Caixa Galicia organizarán unha exposición, un catálogo e unha páxina web, nas que se mostren os mellores exemplos e os que máis contribuíron a formar esa imaxe colectiva do ano en Galicia.