El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

TURISMO

Ferrol, Ourense, Terra Chá e a Costa da Morte, protagonistas no segundo día

21-01-2010 20:49:03

A sala de actos do stand de Galicia en Fitur foi hoxe a fiestra dende a que se presentaron ao sector e máis á prensa especializada nacional e internacional as ofertas turísticas da Terra Chá, Ourense, A Costa da Morte e Ferrol para este 2010.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela presentou Recursos Turísticos da Mancomunidade Terra Chá. A Mancomunidade Terra Chá está composta por cinco concellos: A Pastoriza, Abadín, Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei, e segundo o conselleiro son lugares que “aglutinan de natureza, aventura, hostalaría, áreas de recreo, museos e restos arqueolóxicos, que son expostos a milleiros de visitantes detrás dun fondo cristalino obtido da fusión case mística entre a terra e a auga”.


Asemade, Roberto Varela recordou os lugares más emblemáticos da Terra Chá, “a Serra do Xistral, un entorno natural incomparable que descende dende o corazón lucense ata o Cantábrico, e a Laguna de Cospeito, unha braña englobada pola cunca do río Miño e franqueada polas maxestosas montañas. Ambas as dúas contan co debido e merecido recoñecemento internacional: a Serra foi declarada espazo natural protexido xunto ás ribeiras do río Sor e a braña foi nomeada en 2002 pola UNESCO Reserva da Biosfera Terras do Miño”.


Ourense foi a protagonista da presentación ‘Ourense con outra ollada, campaña 2010’, organizada polo Padroado Provincial de Turismo de Ourense e na que estivo presente a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo. Ourense con outra ollada é unha colección de publicacións que recompilan a oferta e os recursos turísticos de Ourense entre as que sobresaen as rutas da provincia –un folleto elaborado para comercializar os recursos turísticos de Ourense-, unha publicación específica de termalismo e unha publicación específica do Camiño Mozárabe.


A xornada de presentacións continuou coa XI Edición de Xantar, o Salón Galego de Gastronomía e Turismo, que se celebrará en Expourense no mes de marzo e que contará este ano cunha edición especial Xacobeo 2010, coa celebración do V Encontro Ibérico de Dieta e Saúde, cun congreso sobre gastronomía dos Camiños e coa VI Edición do Encontro de Confrarías Gastronómicas e Enófilas. Na presentación de Xantar estivo presente o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; e mais a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo.


Segundo o conselleiro, Xantar é “unha das feira gastronómicas e turísticas por antonomasia da xeografía galega”. “A gastronomía de toda a superficie galega, nacional e dalgunhas rexións portuguesas queda representada por máis de 20 restaurantes en Xantar 2010. Este ano, ante todas elas, mostrarase o fenómeno Xacobeo 2010, e un dos seus emblemas, como é a gastronomía dos camiños”, engadiu Varela. 


Asemade, o conselleiro de Cultura afirmou que “un dos alicerces fundamentais polos que os turistas veñen a Galicia é a súa gastronomía”. O Salón Galego de Gastronomía e Turismo toma un cariz máis internacional nun ano dedicado ao fenómeno Xacobeo. A feira dará a coñecer os pratos típicos e os mellores produtos das zonas atravesadas polas diferentes versións da ruta compostelá.


Costa da Morte e Ferrolterra

A xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, asistiu tamén á presentación do proxecto Promotur Costa da Morte, unha iniciativa promovida pola Asociación de Turismo da Costa da Morte que inclúe a creación e comercialización dunha trintena de paquetes turísticos que serán postos no mercado a través dunha plataforma on line. Nestes trinta proxectos participan máis de cincuenta empresas do sector.


A comarca de Ferrolterra tivo tamén nesta edición presenza na Feira Internacional de Turismo. Este é o cuarto ano consecutivo que está representado en Fitur o Plan de Dinamización do Produto Turístico Ferrol-Ortegal. Hoxe, a xerente de Turgalicia, Carmen Pita asistiu á presentación dos novos produtos turísticos dos quince concellos do eixo Ferrol-Ortegal.



Os novos produtos son unha plataforma comercial de actividades chamada Tempo de Lecer, novos paquetes turísticos para estadías tanto na zona rural como na urbana e tamén os denominados Bonos de Lecer. O obxectivo dos mesmos é enriquecer a oferta turística xa existente.


Ademais de estar representados a través do Plan de Dinamización do Produto Turístico Ferrol-Ortegal, algúns concellos da bisbarra contan cun espazo propio na feira. Ferrol, por exemplo, presentou hoxe tamén a súa Semana Santa. Ortigueira e Ares tamén terán senllas presentacións mañá na feira.


A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, tamén estivo presente no acto promocional da Semana Santa de Ferrol, no que tamén se deu difusión ao Salón do Cabalo Equiocio e mais á gastronomía e ás visitas guiadas pola cidade departamental. Carmen Pardo destacou na súa intervención “o esforzo por manter viva unha tradición como a Semana Santa, que é Festa de Interese Turístico Nacional dende 1996”.



Pardo tamén recalcou que a celebración da décimo terceira edición do principal salón galego dedicado ao mundo da hípica e a súa coincidencia coa Semana Santa de Ferrol multiplican a oferta complementaria para os turistas e adecúase ás esixencias do novo turista “que demanda vivencias e unha nova concepción da experiencia turística que a cidade de Ferrol ten a capacidade de ofrecer e compartir con quen a visita”.


A secretaria xeral para o Turismo tamén recalcou a condición de Ferrol como un dos principais puntos de saída do Camiño Inglés e a súa potencialidade como lugar de paso dos peregrinos que camiñarán pola ruta xacobea neste Ano Santo 2010.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias