As 24 oficinas de Caixa Galicia en Santiago de Compostela exhibirán durante este Ano Santo obras de máis de 25 recoñecidos artistas galegos. Trátase dunha iniciativa pioneira coa que a entidade busca promover a arte galega durante o Xacobeo 2010. As oficinas máis singulares situadas nalgunhas das localidades que están ao longo do Camiño de Santiago como Pamplona, Logroño, Burgos, León, Astorga ou Ponferrada, entre outras, tamén mostrarán obras de artistas locais.
Esta iniciativa encádrase nas accións que Caixa Galicia está a levar a cabo para apoiar e contribuír á difusión do Xacobeo 2010. A entidade financeira organizará durante este ano máis de 60 actividades socioculturais para atraer visitantes a Galicia, para as que presupostaron un investimento de 2,4 millóns de euros, un esforzo investidor que representa o dobre do presupostado no anterior Xacobeo 2004.
Obras de recoñecidos artistas como Acisclo Manzano, Peteiro, Alfonso Abelenda, Álvaro de la Vega, Alfonso Costa, Víctor López-Rúa ou Ramón Conde únense a outras de autores más noveis como Hector Francesch, Tono, Jano Muñoz ou Camilo Seira, entre moitos outros.
Como actividade complementaria, a entidade financeira porá en marcha unhas visitas guiadas ás oficinas para os escolares galegos, co obxectivo de que relacionen o Xacobeo, a arte e a actividade financeira. Ademais, a intención da caixa galega é realizar, ao finalizar o proxecto, unha exposición na que se reunirán todas as obras expostas ao longo do ano nas distintas sucursais.