Do 17 ao 21 de febreiro, Madrid será sinónimo de arte contemporánea. Neses días abre as súas portas a nova edición de ARCO, a feira máis importante da Península e patrocinada pola polémica nos últimos anos. O mesmo día arrinca o encontro Art Madrid, centrado nas galerías españolas e que se presenta como alternativa ao xigante que reúne as últimas tendencias do panorama internacional. Entre as obras seleccionadas por algunhas das mellores galerías do mundo estarán as de 30 artistas galegos.
Coa sombra da crise planeando sobre as instalacións do Ifema, ARCO lanza a súa ofensiva cunha feira máis esixente e que pode dar algunha sorpresa, xa que os últimos acontecementos no mercado internacional con prezos históricos alcanzados en poxa poden marcar tendencia.
De feito, este mesmo mes bateuse a marca que ostentaba Muchacho con pipa, de Picasso, desde maio do 2004 tras ser vendido pola astronómica cifra de 104,1 millóns de dólares. Quen o destronou foi a obra L'homme qui marche I, do suízo Alberto Giacometti, que o 3 de febreiro fixo voar polo aire a mercado da arte no Sotheby´s de Londres ao ser poxada por 104,3 millóns de dólares (case 75 millóns de euros).
ARTISTAS GALEGOS
Pois con este panorama como pano de fondo, e tras varias semanas de incógnita polas desavinzas entre galeristas, Comité Asesor de ARCO e Ifema, finalmente a mediados de xaneiro tres galerías galegas confirmaron a súa presenza na feira: Adhoc -no programa xeral-, Bacelos e Factoría Compostela -en ARCO 40-. Son as únicas salas da comunidade elixidas para expor.
Con todo, en total poderán contarse ata doce artistas galegos, xa que moitos, a maioría, dos máis coñecidos acoden da man de galerías de fóra. É o caso do lalinense Antón Llamazares, que chega a Madrid co madrileño Álvaro Alcázar e co alemán Kai Hilgemann. Co primeiro dos galeristas tamén acode a ARCO o lucense Antonio Murado, un dos artistas galegos máis respectados e que actualmente vive en Nova York.
No mesmo camiño sitúase a madrileña Fúcares, que leva á capital do Estado ao compostelán Rubén Ramos Balsa e á galega fincada en Madrid Sofía Jack. E desde Lisboa, Portugal, a galería de Carlos Carvalho expón no Ifema varias fotografías do coruñés Manuel Vilariño, Premio Nacional de Fotografía no 2007 e cuxo nome adoita figurar no catálogo da galería Bacelos.
Seguindo cos artistas que estarán na 'capital' da arte contemporánea, en Art Madrid haberá cinco galerías da comunidade presentes: Atlántica, Marisa Marimón e Trinta no programa xeral; e Moret Art e Metro no Young Art. Nos expositores, ata 16 artistas.
GALERÍAS
A viguesa Bacelo participa este ano en ARCO 40, onde as condicións para expor son non máis de tres artista en non máis de corenta metros cadrados. A súa aposta é o escultor ponferradino Ángel Núñez.
No mesmo espazo estará Factoría Compostela, que leva a Madrid un proxecto con tres artistas: o coruñés Manuel Sendón, o vasco fincado en Pontevedra Jesús Pastor e a cubana Aimée García. No programa xeral, unha das mellores galerías de Galicia, Adhoc, exhibe as pezas dos seus artistas habituais: Suso Fandiño, Xoán Anleo, Nano 4817 e Jorge Perianes.
Mentres, en Art Madrid estarán presentes Salvador Cidrás, Santi Jiménez, María Portas e Iván Prieto, todos da man da galería ourensá Marisa Marimón. E a compostelá Trinta acode con Juan Bosco, Berta Caccamo, Pamen Pereira, Teo Soriano e Xosé Freixanes.
Este último artista tamén figura no catálogo da galería madrileña May Morei, que ata este ano era habitual de ARCO, pero que non estará na nova edición tras a polémica desatada pola presunta intrusión da dirección de Ifema na elección das galerías.