Na súa xa cuarta sesión consecutiva desde que comezou en novembro do ano pasado, o ciclo de recitais poéticos 'Poetas Dei(n)versos' invitará o escritor luso José Luís Peixoto a que faga parella co galego Miguel Anxo Fernán Vello.
'Poetas Di(n)versos' é un ciclo estable de recitais poéticos que se vén celebrando na Coruña desde hai catro meses. A iniciativa está dirixida por Yolanda Castaño e organizada pola concellería de Cultura, e nace coa idea de amosar a calidade poética actual da península ibérica. Para iso, unha vez ao mes reuniranse un poeta en galego e outro que escriba en castelán, catálán, eúscaro ou portugués para dar un recital a dúas voces.
O recoñecido poeta da Xeración dos 80, Premio Nacional da Crítica en dúas ocasións, dramaturgo, incansable columnista e un dos máis grandes escritores de poesía do país, Miguel Anxo Fernán Vello reunirase este martes 23 co novo e recoñecido poeta portugués José Luís Peixoto no atrio da Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga) nunha nova cita mensual ás 20:30 e con entrada libre.
O INVITADO
Nesta ocasión o invitado de fóra para a dobre lectura poética será un autor aínda novo pero convertido, nos últimos tempos, nun ídolo das letras portuguesas. Peixoto naceu en 1974 nunha aldea alentexana, foi precozmente recoñecido e multiplemente premiado. A súa obra, eloxiada por Saramago, está traducida a 18 idiomas e chegou a vender 15.000 exemplares dun dos poemarios. Esta figura mediática no país veciño ten feito intensas colaboracións con bandas de Black Metal e converteuse no fenómeno literario revelación.
'Poestas Di(n)versos' ten continuidade durante todo o curso e estenderase ata o verán con atractivas citas mensuais, e igualmente ofrece, en cada sesión a oportunidade de adquirir in situ as obras dos autores invitados tanto como de solicitar firmas dos seus exemplares. A asistencia mínima que están a ter estas lecturas poéticas desde os seus comezos é de 200 persoas, demostrando a excelente saúde da afección pola poesía en Galicia.
Desde os seus inicios, o ciclo deu voz a tres parellas de poetas. Os encargados de abrir a iniciativa foron Luís Eduardo Aute e Lucía Aldao o 17 de novembro de 2009. O 15 de decembro, Luís García Montero, un dos mellores representantes da poesía en castelán, e Luz Pozo Garza, posiblemente a máis importante poeta en galego en vida, compartiron escenario. E, na anterior cita, o 19 de xaneiro foi a quenda do catalán Joan Margarit, Premio Nacional de Poesía en 2008 e de Xosé María Álvarez Caccamo, prolífico e moi premiado autor.