Unha semana despois de ser lanzada, a campaña 'Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego' está sendo ''un éxito''. Así o destacan os seus promotores, a Coordinadora Galega de ENDL (Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística). Os responsables desta campaña para concienciar á sociedade de que ter lingua propia é unha sorte e un motivo para estar orgullosos e cuxo principal reclamo é un vídeo no que saen Luís Tosar, Belén Regueira ou Antón Reixa, aseguran que a acollida está a ser ''moi satisfactoria''.
CGENDL afirma que estes vídeos están tendo unha gran repercusión na rede. Contabilizan unhas 40.000 reproducións e o lema da campaña rexistra máis doutros tantos resultados en Google. En concreto, o vídeo 'Orgullos@s do galego' suma máis de 20.500 reproducións en Youtube e 5.000 visualizacións na canle directa Vimeo. 'En galego, proba e verás', vídeo no que participan Isabel Risco e Carlos Ares, foi reproducido 3.000 veces nestas canles. Ademais, ambos vídeos foron visualizados en máis de 12.000 ocasións na web da campaña, que nesta primeira semana contabiliza unhas 33.000 páxinas visitadas.
Nas redes sociais o impacto desta iniciativa tamén se fixo notar. Usuarios de Tuenti crearon, cando menos, tres eventos ('Orgullos@s do galego', 'Orgullos@s do noso' e 'Actores orgullos@s do galego!') que contan coa adhesión de 15.000 mozos e mozas, sumando todos eles. En Facebook, o grupo 'Nos tamén estamos orgullos@s do galego' chega xa aos mías de 2.000 seguidores.
IMPACTO NOS CENTROS ESCOLARES
O proxecto divulgativo que reivindica o orgullo pola lingua propia como sentimento común á marxe de condicionanrtes como a orixe, a ideoloxía ou a idade segue o seu curso tamén nos centros escolares galegos, segundo sinala CGENDL. O alumnado destes centros ten a oportunidade de colaborar mediante o envío de vídeos e textos nos que se mostre o orgullo polo galego, ''un elemento de unión e un rico patrimonio de futuro que nos dota de identidade e nos conecta con millóns de persoas en todo o mundo'', destacan dende a paltaforma.
Así mesmo, na web da CGENDL ponse á disposición de todos os equipos de normalización un material gráfico (camisetas, chapas, carteis, adhesivos, etc.) que se pode descargar de balde para a súa distribución, ''invitación que a coordinadora estende a toda a sociedade galega'', afirman. Tamén sinalan que a campaña ''foi concibida como duradeira no tempo, polo que se contemplan novas accións nos próximos meses''.