El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

LITERATURA

O Centro Ramón Piñeiro rende homenaxe a Novoneyra cunha miscelánea que inclúe 50 prosas inéditas

15-03-2010 18:06:50

Con medio cento de textos inéditos do "poeta do Courel", o Centro Ramón Piñeiro ven de editar unha miscelánea de textos de e sobre Uxío Novoneyra, que compoñen a compilación-homenaxe 'Celebración de Uxión Novoneyra (1930-1999)', presentada hoxe en Santiago de Compostela coa presenza do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez.
 
O grande "decidor do verso" -como o definiron hoxe tanto o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, como o coordinador dos textos de Novoneyra editados no volume, Luis Cochón- está presente no volume a través de textos propios que recollen a súa faceta de pregoeiro, a súa poética e numerosos documentos biográficos.
 
Entre eles figura un especialmente "singular e simpático", a dicir de Luis Alonso Girgado, coordinador da colección 'Cadernos de Ramón Piñeiro': o exame de ingreso de Novoneyra no Instituto Lucus Augusti, que superou cun 'apto'. O volume inclúe tamén una completa selección dos traballos publicados polo escritor en prensa e en revistas -tanto nacionais como de países como Cuba, por exemplo-, aínda que o que realmente destaca son os "50 inéditos dos que o libro pode presumir", froito da "xenerosa colaboración da familia do poeta".
 
Caligrafías, mecanoscritos e textos de autopoética completan o heteroxéneo libro, que según destacou o secretario xeral de Política Lingüística será "en adiante consulta obrigada en futuros traballos sobre o poeta".
 
Luis Alonso Girgado e Jesús Vázquez coincidiron en sinalar que, con este libro, o centro de investigación Ramón Piñeiro "chega a tempo" na súa contribución ao Día das Letras Galegas, a través do que o conselleiro de Educación definiu como "unha grande obra de celebración". Pola súa banda, Anxo Lorenzo referiuse a Novoneyra como unha figura que "tivo na poesía e na lingua casa e acubillo, vínculo co pasado, co pobo e coa tradición".
 
No acto de presentación deste novo volume da colección 'Cadernos de Ramón Piñeiro' participou tamén o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, quen cualificou a obra de "fito importante para os que traballamos en prol do patrimonio creativo de Galicia". Na súa opinión, Novoneyra destaca non só como "poeta da terra" senón que foi quen de "converter as nosas paisaxes e as nosas emocións en letra con experiencia de vida, en mensaxes cargadas de enerxía, capaces de trascender o tempo e as fronteiras".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias