El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

MÚSICA

Berrogüeto publica o seu novo disco, "Kosmogoías", o 9 de abril

16-03-2010 17:09:38

O vindeiro 6 de abril sairá á venda Kosmogonías, o quinto traballo de Berrogüetto, un dos grupos galegos claves e con maior repercusión a nivel internacional. En 2002 foi nomeado aos Premios Grammy Latino na categoría de 'Mellor Álbum de folk'. De novo, Berrogüeto introduce interesantes matices de innovación e experimentación na música tradicional galega.

Composto por once temas, Kosmogonías é unha reflexión entre a humanidade e a súa relación co universo, unha chamada chea de optimismo cara a consecución dun sistema de organización máis xusto. Coa voz de Xabier Díaz e a achega de todos os seus compoñentes, Berrogüetto inspírase naquelas vontades colectivas ou individuais que cos seus xestos e actitudes traballan para mellorar o seu entorno.

Berrogüetto volve aos escenarios con esa mestura de paixón pola música tradicional galega e a experimentación máis contemporánea, características que o levaron a converterse nunha das bandas máis importantes da escena world music. O seu primeiro disco, Navicularia supuxo unha gran revolución dentro da música galega polo seu innovador estilo onde as melodías tradicionais eran tratadas cunha gran frescura, aportando interesantes armonizacións modais e contrapuntos.

COLABORACIÓNS E XIRA

Xunto coa acostumada sensibilidade de Berrogüetto, neste disco atoparemos as colaboracións de escritores como Manuel Rivas na letra da canción Alalá da noite, do seu poema Alalá (A desaparición da neve, Alfaguara 2009), e Rosa Aneiros, quen preparou un texto para engadir no libreto de Kosmogonías: ''Berrogüetto, corpo aberto en sete latexares, trasládanos esa infinita sinfonía, unha voz que xorde de tan dentro que mesmo doe porque é a nosa propia voz feita música. Eles fannos soñar que outra música, outra orde cósmica é posible''.

A partir da publicación de Kosmogonías, Berrogüetto comezará a xira de concertos para 2010. O primeiro concerto celébrarase o venres 9 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, o xoves 15 de abril visitarán o Teatro García Barbón de Vigo e o 18 do mesmo mes estarán no Teatro Rosalía de Castro da cidade herculina.

A xira Kosmogonías 2010 completarase con cidades como Zaragoza, Madrid, Barcelona, Ferrol, Lugo ou Bilbao, ademais de países como México, Arxentina ou Alemaña.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias