O festival Play-Doc, que celebra a súa sexta edición no concello pontevedrés de Tui e conta co patrocinio do Xacobeo 2010, ponse en marcha mañá coa estrea de 'Horizonte sin dueño', unha cinta na que o pintor lalinense Antón Lamazares fala da orixe dos impulsos creativos. Neste documental, realizado por Nayra e Javier Sanz, inclúense conversacións de Lamazares con amigos, familiares e outros artistas. O festival rematará o vindeiro día 21.
O Auditorio Municipal de Tui acollerá a edición anual deste certame, no que se poderán ver un total de 31 títulos e ofreceranse dous concertos. Os filmes documentais foron seleccionados entre os máis de 800 recibidos procedentes dos lugares máis diversos do mundo.
E é que o Play-Doc consolidouse nos últimos anos no calendario internacional de certames dedicados ao xénero documental de autor e suscita o interese de profesionais e afeccionados de toda Europa. No programa, inclúese unha sección competitiva na que hai tres categorías diferentes, entre as que un xurado internacional repartirá 9.000 euros en premios.
O festival presentará na súa sección informativa dúas importantes retrospectivas dedicadas a dous realizadores de recoñecido prestixio internacional, como son o francés Raymond Depardon e o norteamericano Jay Rosenblatt. Tamén destaca a presenza dos creadores da web francesa 'La Blogotheque', unha das propostas audiovisuais máis interesantes que se poden atopar actualmente na rede.
O programa desta sexta edición inclúe ademais importantes eventos paralelos, como obradoiros ou exposicións e concertos a cargo dos protagonistas das películas presentadas no festival. No ámbito expositivo, prestixiosos artistas galegos como o propio Antón Lamazares ou o escultor Manolo Paz presentarán algunhas das súas obras máis representativas.
Mentres, no eido musical destacan os concertos en directo dos norteamericanos The Spinto Band ou os angolanos Batida. Asemade, o festival contará coa presenza de Jay Rosenblatt e Raymond Depardon, dúas das personalidades máis singulares do documental contemporáneo.