El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

TEATRO

A actriz Blanca Cendán é a nova directora do Centro Dramático Galego

09-04-2010 20:04:35

O Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) resolveu o nomeamento da actriz Blanca Cendán como nova directora do Centro Dramático Galego (CDG). Na reunión, que se desenvolveu baixo a presidencia do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, acordouse a designación de Cendán por ser a candidata máis valorada entre os aspirantes que optaron ao posto, convocado por vez primeira por proceso público de selección (DOG, 28 de xaneiro de 2010).

A nova directora asumirá atribucións artísticas e de xestión. A súa contratación realizarase baixo a modalidade de alta dirección e percibirá unha retribución bruta anual de 39.432,89 euros. Entre as tarefas que ten encomendadas están as de exercer a dirección artística do CDG; dirixir, coordinar e planificar a actividade das sedes ao seu cargo; formular o plan de programación anual do CDG e do Salón Teatro; ou dirixir a xestión ordinaria da devandita unidade de produción da Agadic.

Tamén se ocupará de todo o necesario para seleccionar e contratar ás empresas encargadas da produción dos espectáculos programados, así como dos artistas vinculados a cada proxecto. Deberá, así mesmo, impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e cantas institucións públicas e privadas poidan coadxuvar á consecución dos fins do CDG.

TRAYECTORIA

Blanca María Brage Cendán (Ares, 1965) leva máis de vinte anos vinculada á escena galega, comezando a súa traxectoria teatral a finais dos oitenta como integrante da compañía Chévere, coa que actuou e asinou a dirección colectiva de espectáculos como Supersonic (1988-99), Río Bravo (1990), Big bang (1992) ou Cabaret Tan Tan (1994), entre outros, ademais de participar na fundación e posta en marcha da Sala Nasa en Santiago de Compostela.

Durante unha estadía de tres anos en Berlín, estivo involucrada no cabaré alemán, recibindo en 1996 o premio Talente Momente ao mellor talento da escena do cabaré berlinesa. Xa de volta en Galicia, en 2002 funda a súa propia compañía, BB Producións, na que exerce como directora e produtora, ademais de intérprete, especializándose no cabaré e no teatro musical.

Blanca Cendán participou en numerosas series da TVG, como Unha de romanos, Pratos combinados, Galicia Express, Fíos, A vida por diante, Terras de Miranda, Valderrei, Padre Casares ou O Nordés, ademais de en El súper, emitida por Tele5.

Blanca Cendán é licenciada en Xeografía e Historia e en Filolxía Alemá e, canto á súa formación artística, ten realizado numerosos cursos de interpretación, voz, danza, canto e dobraxe.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias