Preto de cen mil libros tomarán as prazas de Galicia o vindeiro 23 de abril na
conmemoración do Día Internacional do Libro. A través dunha intervención
simultánea, baixo o nome de 'ÁgoraLibros. Os libros nas prazas', os volumes
serán colocados no chan para escribir as diferentes estrofas do poema 'Negra
Sombra' de Rosalía de Castro en prazas de Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense,
Pontevedra e Vigo.
A Xunta de Galicia enmarca esta iniciativa na celebración do Ano do Libro e
da Lectura e convida á participación de voluntarios, institucións e centros de
ensino. O proxecto está organizado pola artista Luz Darriba, a través da
Fundación Cumulum, e conta coa colaboración da Fundación Seur na coordinación da
loxística e transporte dos libros doados por diferentes entidades e
institucións.
Para esta acción, procurouse a participación de milleiros de persoas, que
cederon os seus libros, e de máis de douscentos centros de ensinanza,
fundacións, museos, institucións públicas, bibliotecas públicas e privadas,
servizos de publicacións ou editoriais que contribuíron á recompilación dos
100.000 volumes. Asemade, a Xunta de Galicia buscará a implicación do alumnado
de educación primaria, secundaria e universitaria e do público xeral para o
éxito desta acción pioneira a prol da literatura galega.
A Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela, a Explanada de Palexco en A
Coruña, a Praza da Ferrería en Pontevedra, a Praza da Estrela de Vigo e as
prazas maiores de Lugo e Ourense son os espazos onde se escribirán os versos de
Rosalía de Castro. Os participantes irán debuxando as letras segundo a
planificación establecida e axustando as súas dimensións ao espazo dispoñible
nas diferentes prazas.
Como colofón ao acto, os libros entregaranse o mesmo día 23 aos viandantes
que se acheguen á hora de deconstruír os tapices de libros ou ás asociacións que
os soliciten con antelación e os recollan.