Xacobeo 2010 inaugura este serán a exposición 'Regreso á orixe. Xerusalén, Roma, Santiago. Unha viaxe contemporánea', que estará aberta ao público ata o mes de agosto no Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela.
A mostra está composta por un total de 82 fotografías e un documental de vinte minutos de duración, que recolle a viaxe que o fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel e o músico Alejandro González fixeron ás tres metas das peregrinacións maiores: Xerusalén, Roma e Santiago.
Nesta viaxe, os dous autores galegos mostráronse atentos á tradición cultural e a sensibilidade relixiosa que impregna os lugares e camiños de Terra Santa, Roma e Santiago de Compostela, uns espazos que están moi ligados á orixe da tradición cristiá.
Deste xeito, as imaxes que compoñen a mostra poñen de manifesto aspectos tradicionais que definen a peregrinación piadosa, as prácticas de devoción que cumpren os fieis que se achegan a estes lugares e desvelan os contrastes da vida contemporánea.
Esta é a primeira exposición que se fai no marco do convenio firmado entre a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e o Arcebispado de Santiago, para a organización de proxectos expositivos no mosteiro de San Martiño Pinario durante os anos 2010 e 2011, e que versen sobre aspectos relacionados co Ano Santo.
Despois de 'Regreso á orixe', o mosteiro acollerá en xuño a mostra 'Terre Personne', que inclúe unha serie de retratos e paisaxes realizados polo fotógrafo Pierre Gonnord acerca da Galicia interior e da Costa da Morte. Chegará tamén, despois de exporse en París e Roma, a mostra itinerante 'Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez', que se inaugurará a mediados de agosto, sobre a Europa románica da primeira metade do século XII e os diferentes Camiños ata Compostela.