Roxelio Groba estreará os seus dous novos ciclos de cancións como parte do ciclo Xacobeo Classics, o mes próximo, no auditorio do Balneario de Mondariz. "Os oitenta de Groba", o apartado que o festival de música dedica este ano ao decano dos compositores galegos no seu oitenta aniversario, acollerá a presentación mundial de 'Na Suaviña' e 'Na Barxa', que o autor subtitulou como 'Ciclo etnográfico para soprano e orquestra'. Cada unha desta serie de cancións está composta por cinco obras..
A estrea absoluta de 'Na Suaviña' e 'Na Barxa' terá lugar en Mondariz o 18 de xuño, e repetirase ao día seguinte na Igrexa de San Francisco de Betanzos. A interpretación correrá a cargo da Orquestra de Cámara Galega, que este ano celebra os seus primeiros quince anos de vida musical.
Para a ocasión, contarase ademais como solista cunha das novas sopranos españolas máis interesantes, Cecilia Lavilla Berganza, filla da soada mezzosoprano Teresa Berganza e do pianista Félix Lavilla. En ambos concertos, xunto á a estrea de Groba, interpretaranse obras de G.F. Händel e de Samuel Barber.
TRAXECTORIA
Roxelio Groba (Guláns, 1930) é o máis prolífico dos compositores galegos. O seu amplo catálogo inclúe sinfonías, música para ballets, óperas como 'María Pita, a forza da liberdade' e 'Divinas palabras'; concertos para varios instrumentos e cancións. As súas obras foron gravadas por formacións como a Sinfónica de Londres, que realizou un rexistro do seu Concerto 'Fauno' para violoncelo.
Con motivo dos seus oitenta anos, o Xacobeo Classics réndelle durante todo o 2010 unha homenaxe que levou algunhas das súas obras a localidades como Vilalba, A Estrada, Vilagarcía, Ortigueira ou Lalín. 'Os oitenta de Groba' culmina precisamente cos dous concertos de xuño, en Mondariz e Betanzos, para os que o compositor reservou a estrea mundial de dez novas cancións.