O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, asistiu na Coruña á inauguración de S8-Primeira Mostra de Cinema Periférico, un certame que forma parte do ciclo Xacobeo Filme e que se desenvolverá a partir de hoxe e ata o 6 de xuño no antigo cárcere da cidade herculina.
Na súa intervención, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, gabou o carácter novidoso e interesante deste evento e destacou que este certame reflicte de forma clara un dos valores do Xacobeo 2010, que é a aposta por unha programación exclusiva, orixinal e única.
De feito, a Mostra de Cinema Periférico é un dos once festivais que conforman Xacobeo Filme, ciclo temático organizado polo Xacobeo 2010 e que supón unha aposta pola industria audiovisual, convertida nun dos sectores estratéxicos de Galicia, ademais dun referente internacional, avalado polos múltiples premios e recoñecementos recibidos. O seu obxectivo principal e impulsar é difundir dentro e fóra da comunidade os traballos audiovisuais galegos, ao mesmo tempo que busca consolidar un tecido de festivais que teña permanencia no tempo máis aló do Ano Santo.
Coma un aceno cara o formato Super 8 na súa denominación, S8 desenvolverase desde hoxe e ata o 6 de xuño no antigo cárcere provincial da Coruña, situado preto da Torre de Hércules. Nel, convivirán o cinema documental, as vangardas, o cine performativo e o vídeo-arte, con clases maxistrais, obradoiros para nenos e mesas de presentación e debate. Por este certame tamén pasarán recoñecidos cineastas, tanto estatais como internacionais.
A mostra renderá homenaxe ao artista Iván Zulueta, contará coa presencia de Mark Rappaport, María Cañas e Bruce McClure; e na sección 'Outros formatos do cinema en Galicia' poderanse ver películas inéditas feitas na comunidade nos últimos 40 anos e proxeccións do arquivo histórico galego. Ademais, proxectarase en primicia a obra fílmica do pintor Eugenio Granell e farase unha retrospectiva sobre o autor Ernesto Díaz Noriega. Haberá tamén espazo para os novos creadores galegos.
No acto de inauguración, tamén estiveron presentes autoridades locais e representantes das entidades colaboradoras. Todos eles foron trasladados ata o antigo cárcere da Coruña en tranvía, convertido no vehículo oficial de S8. Esta viaxe ata o cárcere coruñés foi amenizada polo polifacético artista Quico Cadaval na pel do 'Contapelis', que é unha das actividades previstas dentro da programación paralela deste certame.