O grupo estadounidense Interpol actuará o venres 1 de outubro en Santiago de Compostela no marco do ciclo 'Xacobeo Importa'. O concerto terá lugar na Sala Capitol e as entradas poderán adquirirse nos puntos de venta habituais do ciclo. Este será o único concerto que Interpol ofrecerá en Galicia dentro da xira europea que fará entre os meses de setembro e novembro e que os levará por cidades españolas como San Sebastián, Sevilla, Madrid ou Barcelona.
A banda estadounidense Interpol, nada no ano 1998, chegará a Santiago para presentar o seu novo disco, que leva por título 'Interpol', nun único concerto. A banda foi medrando desde os seus comezos a base de largas xiras que os levaron por medio mundo e a pisar escenarios como o Madison Square Garden de Nova York, o Royal Albert Hall de Londres ou o Zenith de París. Desde a publicación do seu primeiro disco, 'Antics', Interpol converteuse nun dos referentes do recente revival post punk que invadiu Europa e América.
BALANCE DO CICLO
Desde o inicio do ciclo en decembro de 2009, os preto de 4.000 asistentes aos concertos programados avalan o éxito das propostas que 'Xacobeo Importa' trouxo a Galicia ata chegar ao ecuador da súa programación.
Desde que se inaugurou a súa programación co concerto de Vetiver, o ciclo non deixou de colgar o cartel de entradas esgotadas na maior parte dos seus concertos, como foron o de Richard Hawley en A Coruña, o de Joan Baez en Vigo ou o de Yo La Tengo en Santiago, para os que se venderon todas as entradas días antes dos concertos. As últimas actuacións de Mark Lanegan e Raekwon en Compostela tamén demostraron, con case 1.200 asistentes entre os dous, que a diversidade de propostas e estilos que ofrece o ciclo 'Xacobeo Importa' son garantía de éxito.
Para o ano 2010, deseñouse unha edición cunhas expectativas ambiciosas. Mantendo o seu núcleo de actividade en Santiago de Compostela, a súa programación ampliouse ata outras cidades como Vigo, A Coruña ou Pontevedra e a outros formatos de concertos como auditorios ou teatros.
A próxima cita do ciclo é o concerto que Rufus Wainwright dará o próximo 30 de xuño no Centro Cultural Caixanova de Vigo a partir das 22.00 horas. Con cinco discos ás súas costas e proxectos coma 'Prima Donna', ópera que escribiu recentemente, Rufus Wainwright conta cun gran talento como compositor e intérprete.