El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

CULTURA

O Consorcio de Santiago reabre o Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell

11-06-2010 18:42:42

"En obras. Do Pazo de Bendaña á Fundación Granell" é o título da exposición que servirá para inaugurar a remodelada sede da Fundación Granell, en Santiago de Compostela, logo dos traballos de remodelación e ampliación realizados polo Consorcio de Santiago. A exposición permanecerá aberta ata o 17 de xuño, en horario de 11 a 21h, excepto o domingo, de 11 a 14h. A entrada é libre.

Partindo dunha idea orixinal e baixo a coordinación do arquitecto do Consorcio, Pablo Tomé, a exposición reúne unha serie de fotografías e vídeos que repasan as diferentes fases nas que se desenvolveron os traballos de remodelación e ampliación. A mostra tamén indaga na historia do pazo de Bendaña e dos seus moradores ao longo dos anos, dende os propios marqueses de Bendaña ata hoxe.

O evento servirá para presentar os remodelados espazos da Fundación Granell, cunha nova disposición que mellora a circulación interna do edificio en tres partes diferenciadas: as zonas expositivas, as dependencias administrativas da Fundación e o baixo cuberta, que albergará a biblioteca de Eugenio Granell.

A partir dunha secuencia de 1000 fotografías, colocadas a modo de tira ao longo de 100 metros, esta mostra pon de relevo o traballo humano que houbo detrás das diferentes labores, que duraron 10 meses, e nas que participaron albaneis, carpinteiros, ferreiros, pintores, electricistas, fontaneiros e escaiolistas. A exposición complétase cun son ambiente, tirado do propio día a día das obras, e cunha proxección audiovisual que reconstrúe o proceso de recuperación do patio interno do pazo, que dende agora actuará como nexo de unión das diferentes estancias.

A exposición tamén servirá para presentar un vídeo documental que repasa toda a historia do edificio, a partir das testemuñas orais dos seus propietarios e inquilinos, e que leva por título 'Do Pazo de Bendaña á Fundación Granell. A vida nun edificio'. No vídeo faise repaso dos distintos usos do edificio: pazo, vivendas de aluguer, sede do Círculo Mercantil; ata que o Concello de Santiago se fai cargo del e é destinado á sede da Fundación Granell, dende 1995.

En marzo de 2009 comezaban as obras de remodelación e ampliación da Fundación Granell, ubicada no pazo de Bendaña, un dos mellores exemplos do barroco civil compostelán, proxectado por Clemente Fernández Sarela en 1750. Os traballos viñeron marcados pola anexión da superficie ocupada ata agora dentro do inmoble pola Empresa Municipal de Vivenda. Para estas obras, levadas a cabo pola construtora Diconsa, o Consorcio destinou a cantidade de 534.151 euros. Esta ampliación, que supón un incremento de máis de 400 metros, permitirá á Fundación Granell dispoñer de máis de 2.000 metros cadrados útiles.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias