O Sónar Galicia ofrecerá na Coruña un cartel con 100 artistas e 42 actividades
programadas. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou
o Festival Internacional de Música Avanzada e Arte Multimedia Sónar Galicia
2010, asegurando que "non é esaxerado dicir que é un dos festivais máis
importantes do mundo, non só no eido específico da música electrónica, senón da
música en xeral e con maiúsculas".
Entre o a xornada de mañá e o sábado 19 de xuño, Sónar Galicia presentará un
programa no que se inclúen un cento de artistas e 42 actividades, entre as que
se atopan vinte concertos, trece sesións, cinco obras no apartado SonarMàtica e
catro proxeccións en Sonar Cinema. A programación musical que ofrecerá Sónar
Galicia durante as tres xornadas combinará grandes shows de artistas
internacionais, con propostas de corte vangardista e proporá unha mirada atenta
á escena musical galega.
O festival presenta actuacións de artistas internacionais como Lcd
Soundsystem, que ofrecerá o seu primeiro show en España para presentar os seus
novos temas. O o grupo Air tamén presentará o seu novo disco. Pola súa banda,
Laurent Garnier actuará por primeira vez en Galicia coa súa banda de directo,
formada por cinco músicos, e Hot Chip ofrecerá os temas do seu traballo 'One
Life Stand'. Tamén estarán Matthew Herbert, Flying Lotus, Alva Noto+Blixa
Bargeld, Delorean ou Broadcast. Asemade, haberá sesións do dj Sasha ou de John
Talabot, xunto a unha ampla representación de artistas galegos.
No tocante á presencia galega, trátase de 14 artistas que están investigando
nos campos da electrónica e do pop avanzado con altas doses de talento e
imaxinación. Un exemplo disto é O.M.E.GA, un grupo formado por vinte músicos
procedentes de diferentes disciplinas que basea o seu discurso na improvisación
xestual e que combina música clásica, electrónica, free-jazz, textos e
referencia aos sons do mundo e da música popular.